TURISMO

Os concellos da bisbarra crean un grupo de traballo para incentivar o turismo

11/03/2013 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, reuniuse cos concelleiros de Turismo dos municipios da área metropolitana de Santiago. O obxectivo da xuntanza, na que participaron representantes de Ames, Boqueixón, Brión, Oroso, O Pino, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra, Padrón, A Estrada, Vila de Cruces e Silleda, era a creación dun grupo de traballo para incentivar o turismo.

"Pareceunos interesante reunir por primeira vez a estes concellos, que tamén son parte do turismo de Santiago", indicou Reyes Leis. Así, apuntou como obxectivo no que traballar conxuntamente o de "reforzar o atractivo turístico do destino con opcións de escapadas de lecer, natureza, gastronomía e patrimonio".

Outra das metas é a de aumentar as pernoctacións na área de Santiago, sumando atractivos turísticos das proximidades. Nesta mesma liña, a concelleira aposta porque esta unión contribúa á desestacionalización, coa creación de produtos de interese específico segundo a temporada: camelias, Entroido, gastronomía de temporada...

Na reunión tamén se falou do aeroporto de Lavacolla. Preténdese que os concellos da comarca formen parte tamén da alianza estratéxica que traballe en prol da defensa do aeródromo compostelán e da mellora da súa conectividade.

Ademais da concelleira de Turismo de Santiago, Reyes Leis, participaron na reunión os alcaldes de O Pino, Manuel Taboada; e de Trazo, José Dafonte; e os edís de Turismo de Ames, Bernardo Moar; Boqueixón, Adela Redondo; Brión, Alberto Álvarez; Oroso, Jaime Carneiro; Teo, Anxo Rei; Touro, Ignacio Codesido; Vedra, Manuel Costa; A Estrada, Óscar Rancaño; Vila de Cruces, Jose Luis Villaverde; e Silleda, Matías Rodríguez, ademais de técnicos dos municipios implicados. O alcalde compostelán, Ángel Currás, pasou tamén a saudar e conversar brevemente cos participantes na reunión.

Febreiro en Lavacolla
A preguntas dos xornalistas, Reyes Leis analizou os datos de febreiro en Lavacolla, mes no que se rexistrou unha diminución do 11,2% no tráfico de pasaxeiros. "Calquera que sexa o descenso non nos gusta, pero estamos dentro do comportamento normal dos aeroportos españois. Agardamos que no mes de marzo, coa entrada de novas conexións internacionais, se produza unha mellora nos datos", indicou a concelleira.

Malia todo, confía en que neste 2013 se volvan a rondar os dous millóns de pasaxeiros. "Hai que ter en conta que o 2012 foi o segundo mellor ano da historia, polo que hai que ser cautos", dixo, referíndose tamén ao efecto positivo que agarda que teñan novas conexións como a de Estambul ou a de Londres Gatwick.

Sobre posibles novas conexións, a concelleira referiuse aos contactos mantidos na última feira de Berlín con algunhas compañías. Espera que a partir dos datos achegados polo Concello e AENA nesas reunións e dos estudos que realicen as compañías a partir deles poida sair a decisión de voar a Santiago dalgunha delas. Neste sentido, citou como destinos máis desexables en Alemaña as cidades de Berlín, Colonia ou Múnich.

Documentos relacionados



Compartir: