MULLER

Homenaxe municipal ao esforzo e sacrificio de tres mulleres compostelás

08/03/2013 A concelleira de Muller, María Castelao, presidiu o acto de homenaxe a tres mulleres -Montse Liñares, Carmen Blanco e Carmen Pereiras- en recoñecemento ao seu esforzo no mantemento das tradicións culturais, do pequeno comercio e da hostalería, respectivamente. Esta cerimonia formou parte dos actos con motivo do Día Internacional da Muller.

"Neste día premiamos, homenaxeamos, pero sobre todo salientamos o longo camiño que aínda nos queda por percorrer no que aos dereitos da muller se refire", indicou a concelleira ao comezo da súa intervención, na que estendeu a homenaxe a estas tres mulleres a tódalas compostelás. "E non só a aquelas que como Carmen, Monste e Mari Carmen tiveron a valentía no seu momento de afrontar novos proxectos de emprendemento, de estímulo para cidades coma Compostela, que ve como o seu día a día discorre entorno a súa hostalería, o comercio e como non, a cultura e tradición", dixo, senón tamén a "aquelas mulleres que non realizan traballos remunerados, fundamentais na sociedade actual, como as avoas, as pacientes coidadoras, xa sexan nais, tías… e moitas outras mulleres".

María Castelao recordou a esas mulleres que, no pasado, "foron as que levaron nos seus ombros a responsabilidade de sacar adiante as súas familias cando o home traballaba fóra da casa e non existían políticas de igualdade. Non se coñecía o termo conciliación, eran outros tempos, afortunadamente, superados".

A edil tamén aproveitou o acto para "agradecer o traballo feito dende o Departamento de Servizos Sociais que, canalizado mediante o Centro de Información a Muller, loita día a día, a pe da realidade, aunando esforzos en beneficio de tantas e tantas mulleres".

As tres homenaxeadas recibiron as medallas elaboradas especialmente para esta conmemoración polo ourive Fernando Mayer e que levan impresa unha frase de Concepción Arenal: "Todas as cousas son imposibles mentres o parecen".

Documentos relacionados



Compartir: