BENESTAR SOCIAL

Oito entidades reciben no Obradoiro vehículos destinados a paliar a dispersidade xeográfica e facilitar o transporte adaptado

08/03/2013 A concelleira de Benestar Social, María Castelao, asistiu ao acto de entrega de vehículos a 8 entidades de persoas con discapacidade intelectual de Galicia, co obxectivo de paliar a dispersidade xeográfica e facilitar o transporte adaptado de persoas con maiores problemas de mobilidade.

No acto fíxose entrega das chaves aos representantes de cada unha das entidades beneficiadas: Aceesca (O Porriño), Amicos (Ribeira), Aspadex (Cee), Aspanane (Viveiro), Aspavi (Vigo), Aspnais (Lugo), Aspronaga (A Coruña) e Juan XXIII (Pontevedra), todas elas parte da Federación de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia (FADEMGA- FEAPS Galicia). Con estas novas incorporacións, FADEMGA conta cun total de 71 vehículos, dos cales 68 foron cedidos en usufruto ás 40 entidades membro da Federación e os outros 3 restantes se empregan actualmente para determinados programas (respiro familiar, saídas terapéuticas, insercións laborais).

A entrega destes 8 vehículos forma parte do proxecto As Barreiras do transporte, que non te deixen na casa!, que nacía no ano 1992 co obxectivo de paliar a problemática existente nos servizos de transporte tanto públicos como privados, búscando mellorar a accesibilidade das persoas con discapacidade intelectual aos centros e servizos e conseguindo así un pleno desenvolvemento persoal, laboral e social dos beneficiarios.

Na súa intervención, María Castelao destacou a importancia deste tipo de iniciativas para "limitar as dificultades para o desenvolvemento persoal das persoas con discapacidade intelectual, permitindo un mellor acceso aos servizos e actividades que se desenvolven nos centros".

Compartir: