CENTROS SOCIOCULTURAIS

Santiago contará cun novo centro sociocultural no edificio de Caixa Galicia de Frei Rosendo Salvado

31/05/2006 O Concello de Santiago, Caixa Galicia e a Deputación da Coruña asinaron un convenio de colaboración para a cesión ao concello da xestión e o uso de dependencias do local situado en Frei Rosendo Salvado, 14-16, destinado a Centro Sociocultural e Xuvenil. Con este convenio, o Concello entra na xestión do edificio, integrándoo na Rede de Centros Socioculturais de Santiago.

O centro, que conta con máis de 1.200 metros cadrados, xa fora cedido por Caixa Galicia á Deputación da Coruña en 2002 para o seu uso como centro xuvenil. Agora, as instalacións ofrecerán, coma noutros centros socioculturais, servizos de carácter cultural, lúdico, formativo e servizos sociais de base. Ademais, acollerán a Biblioteca Infantil e Xuvenil Nova 33, pertencente á Obra Social da entidade financeira, que xa se trasladou a esta nova ubicación.

A cesión realizouse por un prazo inicial que rematará o 30 de xullo de 2017 e poderase renovar por períodos quinquenais. O convenio tamén establece que, a partir deste mesmo ano 2006, a Deputación da Coruña aboará ao Concello de Santiago 180.000 euros anuais, durante catro anos, coa finalidade de contribuír á posta en marcha e funcionamento do Centro. O centro estará plenamente operativo nos primeiros días de xullo.

A convenio foi asinado en Raxoi polo alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda e o director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez López.

Compartir: