ALCALDÍA

O Nobel de Física Anthony James Leggett visitou o Concello antes da inauguración do VIII Programa ConCiencia

07/03/2013 O alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Ángel Currás, recibiu en Raxoi a Sir Anthony James Leggett, Premio Nobel de Física 2003, quen asinou no Libro de Honra da cidade. O científico está en Compostela para inaugurar a oitava edición do Programa ConCiencia, acción de divulgación científica organizada polo Consorcio de Santiago e a USC.

Legget pronunciará na tarde do xoves, ás 20:00 horas, no Auditorio Novagalicia Banco (rúa Preguntoiro, 23) a conferencia Por que non pode ir o tempo cara a atrás?. Neste encontro, con tradución simultánea, o Nobel formulará a posibilidade de que si sexa posible retroceder no tempo.

O profesor Leggett, da Universidade de Illinois (Urbana-Champaign, EE.UU.), proporcionou o marco teórico para a comprensión do fenómeno da superfluidez no Helio-3, un dos dous sistemas superfluídos coñecidos ata o momento. A academia sueca concedeulle o Nobel polas súas "contribucións pioneiras á teoría dos supercondutores e superfluídos".

Anthony James Leggett
Dende 1983 Leggett (Londres, 1938) ocupa a prestixiosa Cátedra MacArthur na Universidade de Illinois, onde ademais é catedrático do Centro de Estudos Avanzados. Entre os numerosos premios cos que ten sido galardoado durante a súa carreira destacan o Fritz London (IUPAP, 1981) ou o Wolf de Física (2003). En 2004, a raíña Isabel II nomeouno Sir "polos seus servizos á física".

Continúa mantendo unha frutífera actividade investigadora, como o demostran os seus recentes estudos sobre as posibilidades de ordenamento magnético de espíns en sistemas bidimensionais (2011).

Documentos relacionados



Compartir: