DEPORTES

Uns 100 deportistas participarán no Restollal no V Trofeo de Judo Cidade de Santiago

07/03/2013 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou o V Trofeo de Judo Cidade de Santiago (Campionato de España Júnior Fase Sector Oeste), que se disputará o sábado 9 de marzo, a partir das 16:30 horas, no pavillón do Restollal. Uns 100 judokas en idade sub-21, en categorías masculina e feminina, de Galicia, Castela e León, Cantabria e Asturias competirán nesta proba.

Este trofeo é froito dun convenio entre o Concello de Santiago e a Federación Galega de Judo, co ánimo de que a cidade conte cunha proba anual estable desta disciplina, de importante tradición na cidade. Así o apuntou o concelleiro, quen expresou o desexo do seu Departamento de divulgar e promover este deporte, que ten reportado importantes éxitos mesmo a nivel olímpico.

Acompañaron a Adrián Varela na presentación o presidente da Federación Galega de Judo, Mario Muzas, e o técnico federativo e presidente do club Compostela Judo, Javier Rial. Ambos destacaron o nivel da competición, da que sairán os clasificados para a fase final do Campionato de España, que se disputará en Madrid os días 6 e 7 de abril. As aspiracións galegas pasan mesmo por superar os 30 clasificados para esta fase final.

Compartir: