MULLER

O Concello homenaxea a Montse Liñares, Carmen Blanco e Carmen Pereiras con motivo do Día Internacional da Muller

06/03/2013 A concelleira de Muller, María Castelao, presentou o acto que con motivo da celebración do Día Internacional da Muller se celebrará o venres 8 marzo, ás 20:00 horas, no Pazo de Raxoi. O Concello homenaxeará a tres mulleres -Montse Liñares, Carmen Blanco e Carmen Pereiras- en recoñecemento ao seu esforzo no mantemento das tradicións culturais, do pequeno comercio e da hostalería, respectivamente.

Segundo María Castelao, este acto quere "exemplificar o traballo de moitas mulleres ao longo da historia", recoñecendo neste caso o "esforzo e sacrificio" de moitas mulleres compostelás. Agarda que a conmemoración sexa unha data de reivindicación e de solidariedade, pero tamén para "recordarlle á cidadanía que aínda quedan moitas cousas por conseguir, como a erradicación da violencia de xénero, a equiparación da muller en postos directivos ou a conciliación familiar e laboral".

De Montse Liñares Bello, propietaria da tenda de confección de traxes tradicionais Bulideira, en San Lázaro, a edil resaltou o seu labor para "manter vivas a nosa cultura e as nosas tradicións". Ademais da súa vertente empresarial, a homenaxeada ten desenvolvido un extenso e premiado labor de investigación e divulgación da cultura tradicional galega.

Mª Carmen Blanco Sánchez é a propietaria da cadea de zapaterías Richard e doutros establecementos deste ramo. María Castelao valorou o seu esforzo en prol do mantemento do comercio e o feito de que dea traballo a máis de 20 mulleres, algunhas das cales levan 37 anos como empregadas das súas zapaterías.

A outra homenaxeada, Mª del Carmen Pereira Santos, propietaria do Bar Domínguez, en Sar, representa, segundo a concelleira, a "todas esas mulleres que, dende detrás dunha barra ou nunha cociña, son a cara oculta da hostalería". Destacou os máis de 43 anos que leva dedicados á hostalería e a súa "polivalencia".

As tres homenaxeadas recibirán as medallas elaboradas especialmente para esta conmemoración polo ourive Fernando Mayer e que levan impresa unha frase de Concepción Arenal: "Todas as cousas son imposibles mentres o parecen".

Documentos relacionados



Compartir: