TURISMO

Santiago promociónase na feira turística máis importante de Alemaña

05/03/2013 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, presentou no Pazo de Raxoi as accións de promoción que Turismo de Santiago desenvolverá na ITB de Berlín, a feira turística máis importante do mercado alemán, que se celebrará do 6 ao 10 de marzo. A concelleira estivo acompañada de Jesús Sordo e Germán González, da Asociación Hostalería Compostela, que presentaron Santiago Pasión, a nova acción gastronómica que organizará a asociación en Semana Santa, coa colaboración de Turismo de Santiago.

Turismo de Santiago participa dende hai anos na ITB de Berlín dada a importancia do mercado xermano, pero esta será a primeira ocasión na que presentará especificamente a Semana Santa como un atractivo turístico. Ademais das procesión e actos litúrxicos propios destas datas, a cidade contará con actividades culturais de prestixio internacional, como o Festival de Músicas Contemplativas do Consorcio, ou accións gastronómicas, como o novo programa Santiago Pasión, organizado pola Asociación Hostalería Compostela en colaboración con Turismo de Santiago, ou a tradicional Festa das Uñas de San Lázaro.

A empresa municipal de Turismo tamén presentará na ITB o Proxecto Certo, programa europeo para a promoción conxunta de tres camiños de peregrinación medieval que hoxe están declarados Itinerarios Culturais Europeos, o Camiño de Santiago, a Vía Francíxena e a Ruta de San Olaf. Nesta presentación tamén participarán representantes de Italia e Noruega. Ademais, manteranse múltiples reunións con turoperadores e axentes de viaxes do mercado alemáns e atenderase ao público interesado na cidade nun mostrador propio dentro do stand de Turespaña.

Alemaña é o principal mercado turístico da cidade tanto en número de pernoctacións coma en número de peregrinos, polo que Turismo de Santiago acude regularmente a ITB de Berlín e IMEX de Frankfurt, que se celebrará en maio, ademais de desenvolver múltiples accións promocionais. O aeroporto de Lavacolla conta dende finais de 2005 cunha conexión directa con Frankfurt – Hahn con Ryanair.

Toda a información sobre a Semana Santa na cidade pode consultarse na web de Turismo de Santiago www.semanasantasantiago.com

Direccións relacionadas



Compartir: