CONSORCIO

O Consorcio de Santiago aproba un orzamento de 10 millóns de euros para 2013

04/03/2013 O alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Ángel Currás, presidiu a Comisión Executiva da entidade e o seu posterior Consello de Administración, no que se aprobou un orzamento de 10.033.686 euros para este exercicio 2013.

Por áreas de actuación, segundo explicou a xerente do Consorcio, María Antón, destinaránse 4.987.617 euros aos programas relacionados coa dinamización cultural da cidade de Santiago. Concretamente, financiarase o funcionamento da Real Filharmonía de Galicia e a Escola de Altos Estudos Musicais, así como outras actividades culturais de grande importancia na cidade, como o espectáculo dos Fogos do Apóstolo, o Festival de Músicas Contemplativas ou a programación desenvolvida pola Fundación Granell. Ademais, continuarase apoiando a programación cultural promovida dende o Concello ou dende outras institución como a USC.

Para programas de recuperación urbana destinaranse 3.351.561 euros, co que se continuará cos programas de rehabilitación e mantemento de vivendas e locais comerciais no casco histórico compostelán e co programa de conservación de monumentos. Neste sentido, durante 2013 realizaranse obras de rehabilitación en edificios singulares, como o Pazo de Raxoi, a capela do Santo Cristo de Conxo, o convento de Antealtares, a capela de San Roque da parroquia de Sabugueira, a igrexa parroquial de Nemenzo e tres actuacións relacionadas cos actos conmemorativos do 800º aniversario peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago (arranxos na fachada da igrexa conventual de San Francisco, no monumento ao Santo realizado por Asorey e na capela da Orde Terceira). Tamén no ámbito da recuperación urbana se destinarán fondos ao desenvolvemento das obras do Plan Director da Catedral (actuacións no Pazo de Xelmírez, na Casa do Deán e nas torres da fachada occidental da Catedral), por valor de 892.000 euros e á continuación da construción do Centro Nacional de Formación en Materia de Rehabilitación, na antiga curtidoría de Pontepedriña de Arriba, por valor de 1.043.000 euros.

Por último, habilitaranse 742.000 euros relacionados co programa de Estudo e Interpretación da Cidade Histórica, en concreto para continuar con desenvolvemento do Sistema de Información Patrimonial, o servizo de Publicacións e o funcionamento da sede de Praterías do Museo das Peregrinacións e de Santiago e a Casa do Cabido, coa organización de novas exposicións.

O orzamento do Consorcio de Santiago confórmase a partir das tres administracións que nel están representadas, de maneira que o Estado aporta 5,15 millóns de euros, a Xunta de Galicia, 3,27 millóns de euros e o Concello de Santiago, 1,36 millóns de euros. A estas achegas súmanse 100.000 euros procedentes do Ministerio de Fomento (destinado a financiar o programa de recuperación de fontes históricas na cidade) e algo máis de 140.000 euros xenerados a partir dos ingresos propios do Consorcio.

Palacio de Congresos e Exposicións
A preguntas dos xornalistas, a xerente anunciou que xa se iniciaron os trámites para a rescisión do contrato coa adxudicataria da xestión do Palacio de Congresos e Exposición por "incumprimento das súas obrigas"

Compartir: