CULTURA

Miguel Costas presenta o seu disco "Alguien tenía que hacerlo" no Compostela Rock

04/03/2013 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou, acompañado de Miguel Costas (e a súa banda) o concerto que estes ofrecerá no domingo 10 de marzo, ás 20:00 horas, na Sala Capitol, incluído no ciclo Compostela Rock. Acompañaranos nesta cita os composteláns Dr. Gringo.

Costas e a súa banda regresan cun novo e potente disco, Alguien tenía que hacerlo, xa que se Costas non o fai, non o fará ninguén, con cancións novas, e como sempre preséntao primeiro en Galicia para todos os seus seguidores e seguidoras. Este novo disco (o terceiro como grupo Costas) segue sendo representativo da súa filosofía e ideais, cun traballo co que non defraudará aos seus fans. En Alguien tenía que hacerlo atoparemos novos himnos que farán historia no panorama musical, como só Costas sabe facer.

Dr. Gringo é un trío radicado en Santiago de Compostela que dende os seus inicios no ano 2007 caracterízanse por un son e unha estética que integra o rockabilly clásico dos 50 co psycho dos 80 e 90 e que ten nos Straycats de Brian Setzer a súa referencia máis obvia.

As entradas están á venda a un prezo de 12 € + gastos de distribución, anticipada / 15 € na billeteira o día do concerto. A billeteira do Teatro Principal está aberta de martes a sábado (+ días de evento) de 18:00 a 21:00 horas. As entradas poden mercarse tamén en Ticketea e en A Reixa Tenda.

Def con Dos e McEnroe
A seguinte cita do Compostela Rock será con Def con Dos, que presentan o seu novo disco, España es idiota, tamén na Sala Capitol, o venres 15 de marzo, ás 21:00 horas, cunha oferta especial de lanzamento para as 100 primeiras entradas: 11 euros (Ticketea).

Logo chegarán a Santiago McEnroe e The Soul Jacket, o sábado 16 de marzo, na sede da SGAE/Fundación Autor. McEnroe visítanos cando cumpren dez anos en activo, tempo no que a banda de Getxo acadou un estatus de grupo con soleira no que todos os seus discos son agardados con expectación.

Compartir: