CULTURA

O Mago Xacobe presenta en Santiago o seu novo espectáculo, "Feitizos e abraios"

01/03/2013 O televisivo Mago Xacobe presenta en Santiago o seu novo espectáculo, Feitizos e abraios dentro ciclo Infantil & Familiar. Trátase dun show familiar de mediano formato no que combina os xogos máis participativos e cómicos co impacto das grandes ilusións. A función terá lugar o domingo 3 de marzo, ás 19:30 horas, no Teatro Principal.

O Mago Xacobe (Xacobe Sánchez Carro) naceu en Santiago de Compostela o 14 de xullo de 1983. Aos dez anos adéntrase no mundo do ilusionismo grazas ao programa de verán Ferradura Aberta, do Concello de Santiago, onde coñece ao que sería o seu mestre: o Mago Richard. Tan só uns meses despois realiza o seu debut na biblioteca Nova 33 da Fundación Caixa Galicia e ao pouco tempo é convidado ao programa Pasarela de Estrelas (1995) da Televisión de Galicia, conducido por aquel entón por Silvia Jato. Comeza a actuar semiprofesionalmente aos 14 anos e, tras o seu paso por Tardes con Ana (TVG 1999) e varias colaboracións e intervencións televisivas inicia o seu propio programa de maxia en Localia TV Santiago.

En 2001 emprende rumbo a Madrid para tomar estudos de Xornalismo na Universidade Complutense de Madrid, carreira que non conclúe tras volcarse no mundo da interpretación na escola Karpas Teatro, dirixida por Manuel Carcedo e Julio Pascual (2001-2004). Convértese naquel entón no primeiro mago profesional de Santiago de Compostela e é contratado para realizar xiras promocionais a nivel nacional. Coa Campaña de Cutty Sark obtén o Premio á Mellor Campaña Promocional do Ano en España (2002).

Tras realizar numerosos espectáculos para empresas e clientes da alta sociedade madrileña, decide aventurarse e crear a súa propia empresa de organización de eventos, espectáculos e servizos, VIP Ilusiones Mágicas SL, que obtén o Premio Empresarial ICADE a Jóvenes Emprendedores (2006).

Durante 2008 visitou mais de 100 espazos diferentes, entre os que cabe destacar a programación dun dos seus espectáculos no Teatro Fígaro-Adolfo Marsillach de Madrid (xuño), a súa participación en La Noche en Blanco madrileña e a presentación do equipo Bancaja Aspar Team de 125 e 250 cc para o Mundial de Motociclismo no Hipódromo da Zarzuela ante máis de 30 medios. Como actor participa no reparto da película Mentiras y gordas, de Alfonso Albacete e David Menkes.

A partires de 2009 comeza a súa andaina detrás das cámaras, como produtor artístico do programa de éxito Land Rober, (TVG). En 2010 xestiona a organización e produción do V Festival Internacional do Ilusionismo Compostela Máxica. E en 2011 realiza un espectáculo na Cidade Financeira do Banco Santander para fillos de empregados e xornalistas do mundo do motor durante un encontro con Fernando Alonso.

As entradas, cun prezo de 6 euros (entrada familiar: 4 entradas a 18 euros) poden mercarse na billeteira do Teatro Principal, aberta de martes a sábado (e os días de evento) de 18:00 a 21:00 horas.

Compartir: