TURISMO

O Concello de Santiago súmase á posta en valor da ruta xacobea Mar de Arousa e Ulla

28/02/2013 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, asistiu no Concello de Padrón á sinatura do convenio coa Fundación Ruta Xacobea para poñer en valor a ruta xacobea Mar de Arousa e Ulla.

O propósito deste proxecto é recoñecer co Diploma Traslatio Xacobea, expedido pola Fundación, a aqueles navegantes que realicen a singradura con portos de saída indistintamente dende O Grove ou Ribeira con chegada a Padrón, deténdose nalgúns dos portos da Ría de Arousa e mesmo culminen peregrinación por terra ata Santiago de Compostela. A Fundación outorga o diploma acreditativo de ter realizado a Traslatio Xacobea en representación dos 22 concellos e o Club Náutico de San Vicente expide as cartillas náuticas.

En palabras do presidente da Fundación, Javier Sánchez-Agustino "esta iniciativa pretende captar centos de navegantes nacionais e internacionais interesados en percorrer a Traslatio do Apóstol, sendo un incentivo para estimular e reforzar o turismo de todo o ámbito da ría de Arousa, río Ulla e Santiago de Compostela".

Os Concellos asumen a tarefa de promover a ruta e a súa localidade entre os navegantes, proporcionándolles información cultural e turística e selando a cartilla náutica en proba do paso pola respectiva vila.

Ademais de Reyes Leis, á firma acudiron os alcaldes O Grove, Villagarcía, Valga, Pontecesures, Padrón, Rois, Dodro, Boiro e Ribeira, e concelleiros de Cambados, Sanxenxo, Meaño e Pobra do Caramiñal, así coma o presidente da Fundación Javier Sánchez-Agustino, e o do Club Náutico, Ulises Bértolo.

Compartir: