PREMIO

Santiago de Compostela, premiada como cidade sostible

30/05/2006 O Concello de Santiago foi galardoado co Premio ISR 2006, que recoñece aos municipios e entidades locais que conseguiran mellores resultados en relación cos criterios de sostibilidade para as cidades. O xurado destes premios, concedidos polo Instituto para a Sostibilidade dos Recursos (ISR), recoñeceu por unanimidade o compromiso de Santiago cos catro piares da sostibilidade: o económico, o social, o ambiental e o cultural.

O galardón valora o conxunto de actuacións relevantes postas en marcha polo Concello nestes catro ámbitos, dirixidas a incrementar o benestar das persoas e da calidade ambiental do contorno urbano, coa fin última de facer de Santiago unha "cidade verde e habitable". Neste sentido, o xurado recoñeceu o feito de que Santiago foi o primeiro concello galego que se adheriu á Carta de Aalborg, coa fin de harmonizar o desenvolvemento coa preservación do medio ambiente. Isto comportou a asunción de compromisos concretos, entre eles a implantación da Axenda 21 local.

Un dos aspectos recoñecidos é o Plan Xeral de Ordenación Urbana, co que, segundo o xurado, Santiago proxéctase cara o futuro para desenvolver novas oportunidades que lle brindan unha estrutura renovada, a modernización da administración local e o impulso de políticas integradas. Diversificouse así a base económica, con especial estímulo á iniciativa privada innovadora.

Recuperación integral do caso histórico

O xurado tamén tivo en conta a recuperación integral do casco antigo, na que se integra o modelo urbanístico co seu contorno e que coida a conservación e recuperación material e cultural. Para a ISR, Santiago é un grande espazo público que, aínda que presidido pola monumentalidade, é tamén un espazo social, cultural e economicamente activo.

Outra cuestión valorada é o deseño dos espazos libres. Así, a cidade reivindicou os diferentes corredores fluviais, parques forestais, castros e outeiros como elementos delimitadores da cidade. Estes gozan dun trato diferencial, xa que son imprescindibles para o óptimo desenvolvemento urbano, contribuíndo a potenciar a biodiversidade e a paisaxe.

En canto á mobilidade, o premio recoñece o esforzo realizado para incorporar a cidade nas redes española e europea de transporte e comunicación, así como para mellorar a infraestrutura viaria de carácter metropolitano e potenciar o uso do transporte público.

Tamén importante é a correcta xestión dos residuos e as campañas realizadas para lograr unha crecente implicación cidadá na separación de residuos domésticos. O Concello de Santiago incrementou tanto o persoal coma o número de vehículos e recursos materiais empregados na recollida de lixo, ademais de implantar de forma progresiva o novo sistema de illas de colectores subterráneos.

Labor social

No eido da cohesión Social, Compostela aparece como unha cidade inclusiva e que conta con políticas de solidariedade, igualdade e equidade social. Destaca o esforzo realizado na detección e na análise das necesidades e carencias sociais e na organización das prestacións de protección e de asistencia social, con especial incidencia nos colectivos máis vulnerables: infancia, persoas maiores e persoas con discapacidades.

O xurado tamén lembrou o labor de integración social e laboral das minorías étnicas e dos colectivos de inmigrantes e emigrantes retornados, realizado dende os servizos sociais municipais. Finalmente, o premio recoñece o traballo realizado no eido da colaboración estable cos axentes culturais, tales coma entidades, salas alternativas, creadores e promotores.

O Instituto para a Sostibilidade dos Recursos instituíu en 2003 os Premios ISR para recoñecer publicamente cada ano a aquelas persoas, organizacións, empresas e institucións que contribúen de maneira relevante ao cumprimento dos principios de desenvolvemento sostible, nas súas dimensións social, económica, ambiental e cultural.

Compartir: