CULTURA

Miguel Lago presenta o seu espectáculo "Soy un miserable" dentro do ciclo Falabaratos

27/02/2013 Tras o cheo do Teatro Principal con Joaquín Reyes,o ciclo Falabaratos trae agora a Miguel Lago, que presenta o seu espectáculo Soy un miserable. Será o xoves 7 de marzo ás 20:00 horas.

Miguel Lago é dabondo coñecido pola súa faceta cómica, sobre todo na canle Paramount Comedy, na que é o humorista que máis monólogos gravou, nove, ademais dunha especial Pata Negra de audiencia histórica, aínda que o maior impacto para o gran público produciuno a súa interpretación de "Don Luís" no exitoso programa Curso del 63 e na súa secuela en Antena 3. Recentemente, o seu traballo na coñecida canle de comedia foi galardoado polo público co premio "Cómico do ano de Paramount Comedy 2011-2012".

O seu humor foi evolucionando, dende o seu debut en O Club da Comedia ata agora, momento no que presenta un dos monólogos máis irreverentes e incorrectos do panorama nacional. Máis aló dunha simple sucesión de chistes, Miguel Lago soporta nun espectáculo unha enorme carga de discurso, que o converte nun referente de modernidade. A súa formulación, a dunha personaxe que se define a si mesma como "miserable e egoísta" fai que o seu paso polo mundo non sexa de pura observación, senón de absoluto posicionamento crítico.

O éxito deste espectáculo reside fundamentalmente na comuñón que se produce entre o artista e o público. Ante nós, Miguel presenta o primeiro show no que non só se ispe a corrupción política e empresarial, senón que se demostra que todos e cada un de nós meteriamos a man na caixa… Polo menos el promete facelo.

Compartir: