PARTICIPACIÓN CIDADÁ E CENTROS SOCIOCULTURAIS

Ábrese o prazo de inscrición para a viaxe á Galicia Histórica, a segunda do programa "Imos de excursión"

27/02/2013 A segunda das viaxes do programa municipal Imos de excursión, da Concellería de Participación Cidadá e Centros Socioculturais, celebrarase o domingo 17 de marzo, con destino á Galicia Histórica. O prazo para inscribirse nesta excursión ábrese o xoves 28 de febreiro.

Esta excursión permitirá aos participantes visitar a Catedral de Santa María de Lugo, o Museo Provincial, o Castelo de Pambre e a igrexa Vilar de Donas. O prezo desta excursión é de 28 euros. Información e inscrición nos centros socioculturais.

O programa
Imos de excursión ofrece en 2013 un total de nove excursións e de dez viaxes de varios días. Son ata 1.540 prazas dispoñibles, 990 para as excursións diarias e 550 para as demais.

Na excursións diarias, o máximo de participantes establécese en 110 persoas, mentres que nas viaxes o límite fíxase en 55. A inscrición mínima para que se realicen será de 35 persoas.

O programa Imos de excursión desenvólvese en sábados, domingos e pontes festivas. Está destinado ao público en xeral, agás as viaxes termais, nas que é preciso ser maior de idade; a de Nadal en Portugal, pensada especialmente para xente maior de 55 anos; ou a excursión de aventura en Asturias, que é para maiores de 14 anos.

O prezo que paga o participante inclúe, no caso das viaxes os gastos derivados de seguro, transporte, pensión completa e servizo de guía. Nas excursións o prezo comprende igualmente transporte, seguro, servizo de guía e xantar.

Direccións relacionadas



Compartir: