FUNDACIÓN GRANELL

A Fundación Eugenio Granell abre o ciclo "Xoves poéticas surrealistas"

29/05/2006 A Fundación Eugenio Granell inaugura outro espazo cunha programación propia: o ciclo "Xoves poéticas surrealistas". Desenvolverase na actual sala de conferencias e está orientado a aqueles/as xoves creadores/as que utilicen como eixo fundamental da súa obra procedementos e técnicas do corpus estético surrealista.

A primeira exposición deste ciclo é "Leningrad", mostra de colaxe do artista Misha Bies Golas (Miguel Calvo Ulloa), que permanecerá aberta ata o 25 de xuño.O acto de apertura da mostra, o xoves 1 de xuño, contará coa interpretación da peza musical de John Stevens para solo de tuba Salve Venere Salve Marte, da man do intérprete Pablo Do Val.

Esta exposición na Fundación Eugenio Granell está composta por 29 colaxes orixinais que o autor realizou para ilustrar a publicación Leningrad, editada polo Verbum, Casa das Palabras. Esta publicación é unha obra conxunta na que o artista plástico, Bies Golas ,e o creador literario Xoán Carlos Rodríguez, actúan ó mesmo nivel, e nunha dinámica de creación onde unha linguaxe non está supeditada á outra.

Miguel Calvo recoñece como referentes a artistas actuais como Joan Brossa e Pere Jaume, e grandes nomes da vangarda histórica vencellados ao surrealismo e ao dadaísmo que adoitaron utilizar o colaxe, coma Rodchenko, Max Ernst, John Heartfield ou Kurt Scchwitters, dos que toma a técnica de superposicións e xustaposicións de imaxes.

Bies Golas utiliza a colaxe dende o punto de vista estético polas súas grandes posibilidades, máis o mesmo que os seus antecesores, quere darlle á utilización deste procedemento estético un senso ético próximo á crítica social; pero sempre sen perder de vista a vinculación que ten a imaxe coa que traballa, co texto ao que se refire. O autor, coa apropiación de imaxes de diferente procedencia, estruturadas nunha composición limpa, efectiva, diáfana, e con grande poder de evocación do pasado inmediato, crea imaxes cunha poética visual, que convive coas ás imaxes poéticas de Xoán Carlos Rodríguez.

Co heterónimo Bies Golas, asociado á súa faceta plástica, crea no ano 2002 Entremés xaponés, peza feita en colaboración co músico Pablo do Val, na xornada de celebración do décimo aniversario da sala Galán.

Xa no 2004 participa co poeta italiano Sebastiano Gatto na creación do seu libro de poemas "Acabicornadas", facendo as ilustracións. Co gallo desta colaboración realiza a súa primeira exposición individual como artista plástico na galería de arte italiana "Latte fresco" en Treviso (Italia). O contacto co mundo da poesía seguiu no 2005 cando participa no Certame de Poesía Experimental da Diputación de Badajoz con un Poema Experimental.

Ademais da colaxe e do poema obxecto, traballa noutros medios, como a fotografía. Concretamente, no 2001 expón no museo Ramón María Aller de Lalín co título "Bagús", e participa no Outono Fotográfico de Ourense 2000. En pintura realiza a exposición individual na galería de arte luguesa Wootelo: "Cositas del VHS", no ano 2003.

A obra deste xove artista lalinense púidose ver recentemente en Compostela no pasado 2005, no IV Premio Auditorio de Galicia Para Novos Valores.

Compartir: