ALCALDÍA

O alcalde reorganiza o Goberno municipal en sete grandes áreas de xestión

22/02/2013 O alcalde compostelán presentou a reorganización do Goberno municipal. Créanse sete grandes áreas de xestión, nas que quedan integradas, de forma coordinada, os diferentes departamentos municipais, cuns concelleiros responsables de cada área e outros concelleiros de apoio. Esta nova estrutura, segundo Ángel Currás, "sitúase na vangarda no municipalismo, iniciando una tendencia que non ten volta atrás".

A reorganización en sete áreas, que responde a un obxectivo de "racionalización da estrutura de xestión", pivotará sobre "sete piares económicos e sociais", indicou Ángel Currás. Estas áreas de xestión son: Cultura, Economía, Facenda e Administración Pública, Desenvolvemento Urbano Sostible, Seguridade e Mobilidade, Servizos Sociais e Participación Cidadá.

Segundo o alcalde, esta estrutura pretende "garantir unha xestión máis eficaz e eficiente, co obxectivo final da sostibilidade dos servizos públicos nun momento no que os recursos económicos son menores". Ademais, dixo, anticípase ao previsto na futura Lei para a racionalización e a sostibilidade da administración local, agora en fase de anteproxecto.

O alcalde manterá baixo a súa dirección as competencias de Cultura, que segue considerando unha "área estratéxica". Así, terá entre as súas responsabilidades o Auditorio de Galicia, o Teatro Principal, a Banda Municipal de Música e os museos.

A Área de Economía, de cuxa dirección se encargará Reyes Leis, incorpora o Departamento de Emprego. Aglutinará tamén as responsabilidades actuais de Economía, Comercio, Mercados e Turismo.

Créase tamén a Área de Facenda e Administración pública, baixo a coordinación de Cecilia Sierra. Dende aquí xestionarase Facenda, Intervención, Orzamentos, Contratación, Modernización da Administración (Informática) e a Central de Compras, un departamento ao que o alcalde concede especial importancia á hora do aforro. Nesta área figuran tamén as responsabilidades de Réxime Interior e Persoal, das que se seguirá ocupando Amelia González.

Outra área nova é a de Desenvolvemento Urbano Sostible, que encabezará a concelleira María Pardo e que Ángel Currás enmarcou no obxectivo municipal da Cidade Intelixente (Smart City). Comprenderá as competencias de Urbanismo, Infraestruturas, Cidade Histórica, Vivenda e Rehabilitación, Sostibilidade e Medio Ambiente, Parques e Xardíns e Sanidade. Esta área incluirá tamén a Brigada de Obras e a Xestión de Servizos, que agora se unen nun único departamento. Juan de la Fuente será o seu concelleiro delegado.

Luis Bello, ata agora concelleiro de Medio Rural, pasará a ser o responsable da Área de Seguridade e Mobilidade, con responsabilidades en materia de Mobilidade, Tráfico e ORA, Policía Local, Bombeiros e Protección Civil.

Tamén se remodela a Área de Servizos Sociais, que agora dirixirá María Castelao e que sumará o Departamento de Educación. O alcalde incidiu na necesaria vinculación deste cos departamentos de Familia e Benestar Social. Ademais destes, na área mantéñense as competencias de Muller e Igualdade e de Maiores. Tamén ao paraugas deste núcleo de xestión sitúase Deportes, departamento dirixido por Adrián Varela, e Xuventude e Normalización Lingüística, dos que se encargará Rebeca Domínguez.

A outra área principal do Goberno municipal será a de Participación Cidadá, encabezada por Francisco Noya. Terá as competencias de Centros Socioculturais, Festas e Actividades Recreativas, Relacións Institucionais, Relacións Veciñais, Relacións co Medio Rural e Atención ao Cidadán. Ángel Currás anunciou que os dous novos edís que se incorporen ao Goberno local traballarán como concelleiros de apoio nesta área, nos departamentos vinculados ás relacións veciñais e ao medio rural.

Tenentes de alcalde e Xunta de Goberno
Reyes Leis e Amelia González mantéñense como primeira e segunda tenente de alcalde, respectivamente, incorporándose como terceiro tenente de alcalde Francisco Noya. María Pardo será a voceira do Goberno municipal e da Xunta de Goberno, actuando como vicevoceira María Castelao, quen tamén ostentará o cargo de secretaria da Xunta de Goberno.

Finalmente, o alcalde anunciou que os dous novos concelleiros que se incorporarán ao Goberno municipal non terán dedicación exclusiva, polo que se manteñen as 11 existentes na actualidade. Neste sentido, lembrou que a redución de dedicacións exclusivas e asesores do actual Goberno municipal (tres dedicacións e cinco asesores menos) suporá un aforro de 1,8 millóns de euros en toda a lexislatura.

Compartir: