NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

A Concellería de Normalización Lingüística únese ás celebracións con motivo do Día Internacional da Lingua Materna

21/02/2013 A Rede de Dinamización Lingüística, da que forma parte o Concello de Santiago, sumouse á celebración do Día Internacional da Lingua Materna, instituído pola UNESCO en 1999 para promover a transmisión interxeracional das linguas non maioritarias e, deste xeito, salvagardar a diversidade lingüística mundial. A concelleira de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, participou na celebración central desta efeméride, en Arteixo, e posteriormente noutro acto realizado no CEIP López Ferreiro, onde repartiu libros en galego aos escolares.

En ambos actos leuse unha declaración conxunta das máis de 130 entidades que compoñen a Rede. Neste documento afirman compartir a visión positiva da diversidade lingüística que promove a UNESCO, organismo que a ve como fonte de riqueza cultural e garantía de desenvolvemento dos pobos, e asumir que "a contribución de Galicia a esa diversidade lingüística é o seu idioma propio, a lingua orixinaria e exclusiva desta terra, portadora dunha cultura particular: o galego". En consonancia con isto, animan as familias e educadores a transmitir o noso idioma e comprométense elas mesmas con esta tarefa.

O libro, eixe da educación en lingua materna
O lema elixido este ano pola UNESCO para a conmemoración do 21 de febreiro foi "O libro, eixe da educación en lingua materna". Deste xeito, quérese chamar a atención sobre a importancia do material escrito e lembrar que o apoio ás linguas maternas consiste tamén en promover a produción de libros –incluídos os materiais escolares e as publicacións en formato dixital- nos idiomas locais.

Compartir: