XUNTA DE GOBERNO

O Concello reactiva o Centro de Interpretación de Belvís

21/02/2013 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria aprobou a adxudicación do servizo de organización de actividades no Centro de Interpretación do Medio Urbano e Natural de Belvís. Ademais, deu o visto bo á adhesión do Concello a un convenio entre a FEMP e diversas entidades de crédito para a creación dun fondo social de vivendas.

A adxudicación do servizo de organización e realización de actividades de educación ambiental no Centro de Interpretación do Medio Urbano e Natural de Santiago de Compostela, por importe de 25.785 euros, permitirá reactivar este equipamento municipal. Ademais de prestar atención ao público, a adxudicataria organizará visitas guiadas e diversas actividades de educación ambiental.

As actividades non se limitarán só ao propio centro, senón que a adxudicataria terá unha bolsa de horas da que se poderá facer uso para organizar actividades medioambientais en centros educativos ou en diversos puntos do municipio, segundo explico a voceira adxunta da Xunta de Goberno e concelleira de Medio Ambiente, María Castelao.

Benestar Social
No ámbito de Benestar Social, aprobouse a adhesión do Concello de Santiago ao convenio para a creación dun fondo social de vivendas, formalizado entre a Federación Española de Municipio se Provincias (FEMP) e diversas entidades bancarias e de crédito. Isto posibilitará o acceso a unha vivenda en réxime de alugueiro, cunha renda de carácter social, axudando, desa maneira a evitar a problemática social orixinada pola crise económica actual. Esta adhesión non ten ningún custo para o Concello.

Seguindo co Departamento de Benestar Social, comunicouse que este non vai pedir unha prórroga para que a caseta situada sobre o aparcadoiro da praza de Galicia lle siga adscrita., ao non quedar acreditada o seu uso polas asociacións de índole social.

Esta mesma Concellería solicita á Consellería de Traballo e Benestar unha subvención de 688.982 euros para o financiamento dos servizos sociais comunitarios en 2013. O custo total do programa é de 1.580.244 euros.

Educación
A proposta da concelleira de Educación solicítase unha subvención á Consellería de Traballo e Benestar para sufragar o 50% dos gastos de xestión das escolas infantís de Fontiñas, Conxo e Salgueiriños. Tamén se acorda unha modificación orzamentaria para un suplemento de crédito por importe de 206.425 euros destinado á xestión da escola infantil de Salgueiriños ata o 23 de abril, en tanto non se adxudica o novo contrato previsto.

Tamén no ámbito desta Concellería, pero na área de Normalización Lingüística, aprobáronse a convocatoria e as bases do I Concurso de Proxectos de Publicidade Comercial en Galego. Haberá un premio de 5.000 euros para a mellor campaña.

Compartir: