URBANISMO

A actuación de urxencia da Brigada na rúa Virxe Branca motiva un pequeno cambio do proxecto e unha nova adxudicación

21/02/2013 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, comunicou que as obras de reurbanización da rúa Virxe Branca comezarán en canto se adxudique o proxecto modificado das mesmas, o cal será posible unha vez se dispoña dos remanentes orzamentarios. A edil agarda que esta incorporación se produza nos vindeiros días, tras a que se iniciará un procedemento de urxencia para adxudicar a obra.

María Pardo explicou que foi necesario realizar unha pequena modificación do proxecto inicial, derivada dos traballos que a Brigada de Vías e Obras debeu acometer de urxencia nos últimos días para garantir a seguridade dos veciños da rúa Virxe Branca. As inclemencias meteorolóxicas agravaron a situación de deterioro da rúa, polo que a Brigada tivo que realizar labores de limpeza da beirarrúa e da calzada, e de liberación de bordes para facilitar o acceso dos veciños ás súas vivendas.

Como consecuencia destes traballos xa realizados, foi preciso modificar lixeiramente o proxecto inicial de reurbanización, por un importe económico de menos de 500 euros. Así, o importe da obra queda en 198.477 euros, fronte aos 198.908 iniciais. Unha vez se incorporen os remanentes, iniciarase un procedemento negociado sen publicidade, no que se solicitará ofertas ás catro empresas que presentaran as mellores propostas no procedemento inicial.

A concelleira quixo aclarar que "por orde de Urbanismo, non se iniciou ningún tipo de obra do proxecto" na rúa Virxe Branca. Indicou que unicamente se realizara unha comprobación previa dos solos e canalizacións por parte das empresas subministradoras de servizos, baixo a supervisión da Brigada de Vías e Obras.

Compartir: