BENESTAR SOCIAL

Entrega de diplomas aos participantes nas accións formativas do programa Acceder

22/02/2013 O edificio Cersia, en San Lázaro acolleu a entrega de diplomas das accións formativas do programa Acceder, da Fundación Secretariado Xitano. O Concello, mediante un convenio de colaboración, destinou 20.000 euros a este programa en 2012. Participou acto a concelleira Amelia González.

Vinte e dúas persoas recollerán os diplomas pola súa participación en cursos de auxiliar de congreso, graduado en ESO, competencias clave e informática. Estas accións forman parte do programa Acceder, destinado á poboación de etnia xitana, e que ten como obxectivo a creación dun espazo de inclusión laboral, a cualificación profesional e o acceso ao emprego, a intermediación laboral ou a sensibilización social fronte a prexuízos ou prácticas discriminatorias.

No marco do programa Acceder, a Fundación Secretariado Xitano atendeu en Santiago a 160 usuarios durante o 2012, con 3.246 atencións ou consultas. No eido concreto da formación, 51 persoas participaron nas accións programadas. Os esforzos estiveron enfocados a dotar aos participantes tanto de capacidades técnicas profesionais como de capacidades básicas para acceder aos certificados de profesionalidade e obter o graduado.

En canto a formación interna, realizáronse seis cursos, nos que participaron 37 persoas. As materias abordadas foron: Atención ao cliente, auxiliar de congresos e comunicación; competencias clave; graduado en ESA e informática básica.

Outras 52 persoas foron derivadas a formación externa. Puideron participar en cursos de materias como: graduado en ESO, Bacharelato, carpintería, telecomunicacións, educación de adultos, competencias clave, operacións auxiliares en viveiros, operacións de formigón, técnico de rehabilitación de edificios, axente comercial, monitor de comedor escolar, dependente, caixeiro repoñedor, camareiro, manipulador de cargas, plataformas elevadoras móbiles ou operadores para vehículos de movemento de terra.

Ademais, sete persoas (dous homes e cinco mulleres) conseguiron contratos laborais en 2012 nos sectores de hostalería, limpeza, emprego do fogar ou transporte. Destacan os catro contratos de auxiliar de congresos e un autónomo que creou a súa propia empresa. Dende 2004, o programa Acceder permitiu a sinatura de 364 contratos laborais, dos que se beneficiaron 160 homes e 204 mulleres.

A estas actividades formativas e de captación de emprego, hai que sumar as realizadas para a prospección e intermediación no mercado laboral e o apoio a emprendedores. De xeito paralelo, a Fundación pon en marcha outras actividades de promoción educativa, social, comunitaria e da muller, e accións de sensibilización.

Compartir: