MEDIO AMBIENTE

O Concello e a certificadora de calidade EQA organizan dúas xornadas formativas

20/02/2013 A concelleira de Medio Ambiente, Obras, Infraestruturas, Benestar e Emprego, María Castelao, presentou dúas xornadas de formación que o Concello realizará en colaboración coa certificadora de calidade EQA. Denomínanse Operadores/as de carretillas elevadoras. Nova norma para a acreditación da formación: UNE 58451:2012 e Cálculo e certificación da pegada de carbono.

A xornada de formación Operadores/as de carretillas elevadoras. Nova norma para a acreditación da formación: UNE 58451:2012 celebrarase o sábado 23 de febreiro no edificio Cersia. Esta actividade espertou grande interese, feito do que dá conta que unha semana antes do peche da inscrición xa se superara o límite dos 210 participantes.

O obxectivo desta xornada é ofrecer a responsables de formación, empresas e traballadores unha visión completa da Norma UNE 58451:2012 e as súas implicacións para a acreditación de operadores. Esta norma define os criterios de avaliación na formación dos operadores de carretas de manutención de ata 10 toneladas.

A sesión dividirase en dous relatorios. No primeiro, o xerente de Hispania Direct, Maximino Pérez, abordará o marco legal da formación do carreteiro/a. No segundo analizaranse os procedementos para a certificación da formación en base á devandita norma.

Pegada de carbono
A xornada técnica sobre Cálculo e certificación da pegada de carbono celebrarase, tamén no Cersia, o 21 de marzo, entre as 16:00 e as 20:00 horas. A inscrición, gratuíta, está aberta e poderá realizarse a través da web da Axencia Local de Colocación.

A pegada de carbono é un indicador que se emprega habitualmente para cuantificar as emisións de todos os gases de efecto invernadoiro asociados a organizacións, eventos, actividades ou ciclos de vida dun produto. A política europea establece unha limitación destes gases para 2050, que obrigará a España a reducir o 80% das súas actuais emisións.

Esta xornada achegará unha información especializada sobre a pegada de carbono como indicador de responsabilidade social ambiental, que debe traballarse de forma coordinada entre todos os implicados na actividade produtiva, para evitar confusións tanto na valoración como na súa comunicación ao mercado.

A sesión contará con tres relatorios e coa presentación de dous casos de éxito. No primeiro relatorio abordarase a pegada de carbono dende un punto de vista teórico; no segundo, os procedementos para o seu cálculo e neutralización e, no terceiro, as experiencias prácticas sobre o cálculo de pegada de carbono de empresas do sector loxístico.

Acompañaron a María Castelao na rolda de prensa Javier López Baña, delegado de EQA Galicia, e Maximino Pérez, xerente de Hispania Direct.

Direccións relacionadas



Compartir: