XUVENTUDE

Xuventude programa nova formación en coaching, fotografía, xestión de redes sociais, arte e monitor de tempo libre

20/02/2013 A Concellería de Xuventude programa cinco novas accións formativas para os vindeiros meses. As actividades estarán centradas en materias coma a formación como monitor de tempo libre, a fotografía, o coaching, a xestión das redes sociais ou a arte e a moda.

O titular de Xuventude, Adrián Varela, presentou este primeiro paquete de actividades formativas de 2013, comezando por un curso de éxito en 2012 que agora se repite, o de Monitor de Tempo Libre. O Concello sufraga o 40% do custo deste curso, que se realizará do 27 de xuño ao 1 de agosto en colaboración co Centro Xuvenil Don Bosco.

Hai 25 prazas dispoñibles para este curso, de 350 horas (200 teóricas e 150 prácticas). Abrirase un prazo de preinscrición, entre o 25 de febreiro e o 3 de maio, para que os interesados entreguen por rexistro a súa solicitude. Unha vez confirmada a praza, formalizarase a inscrición, que ten un custo de 170 euros para os empadroados en Santiago e de 270 euros para os non empadroados.

Coaching
As dúas actividades de coaching organizadas en 2012 esgotaron as prazas. Por iso, neste 2013 retómase o Curso de Formación en Coaching Laboral, que se realizará os días 16, 18 e 23 de abril no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche, cunha duración de 12 horas. Está destinado a mozos e mozas a partir de 18 anos e a participación é gratuíta.

Esta actividade complementarse, segundo anunciou o concelleiro, cunhas xornadas de emprendemento que se están ultimando. O obxectivo é que se poida celebrar unha xornada mensual na que os novos emprendedores poidan ter contacto directo con expertos empresarias de referencia a nivel autonómico.

Redes sociais, fotografía en acción e arte e moda
Unha das novidades deste ano é o Curso de Xestión Eficaz das Redes Sociais, previsto tamén no Ensanche os días 3, 4, 10 e 11 de abril. Tamén de balde e dirixido a mozos e mozas a partir de 16 anos, esta acción incidirá no correcto uso destas redes sociais para lograr unha comunicación efectiva cos destinatarios.

Retomando outra disciplina tamén abordada en 2012, a fotografía, organizarase un Curso de Fotografía en Acción. O obxectivo é a aprendizaxe das pautas básicas e técnicas específicas que permitan conseguir boas imaxes de actividades deportivas e de aventura. A actividade, gratuíta, desenvolverase os días 5, 6 e 12 de abril no CSXME.

Finalmente, Adrián Varela deu conta doutra actividade nova, un Curso de Arte e Moda, impartido por Soraya Redondo, finalista do certame Xuventude Crea na modalidade de pintura. Os días 19 e 26 de abril e 3 e 19 de maio realizarase este innovador curso no que, a partir de materiais inusuais, crearanse prendas surrealistas, con deseños que lles darán beleza e valor. Esta actividade ten unha duración de 8 horas, celebrarase no Ensanche e tamén é de balde.

Para participar nestas actividades é preciso inscribirse previamente no propio Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche (Frei Rosendo Salvado, 15-16). Tel.: 981 543 001. Fax: 981 543 002. Correo electrónico: dptoxuventude@santiagodecompostela.gal.

Documentos relacionados



Compartir: