CULTURA

Cordovani e Portela ofrecen a estrea absoluta de "Divina Garbo" dentro de Teatro & Danza

19/02/2013 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, e Roberto Cordovani e Bruno Portela, da Compañía Internacional de Teatro Arte Livre presentaron a estrea absoluta de Divina Garbo dentro do ciclo Teatro & Danza. O espectáculo, dirixido por ambos, poderá verse no Teatro Principal os días 20, 21 e 22 de febreiro ás 21:00 horas. As entradas para o espectáculo, a 12 euros, poden mercarse na billeteira do Teatro Principal, aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas.

Divina Garbo vén recordar que en 2013 se celebran os 70 anos da retirada de Garbo do cine. Greta Garbo, a inesquecible muller da idade de ouro de Hollywood poboou un mundo oculto de emocionantes segredos. Divina Garbo revela as complexas e íntimas conexións que se ocultaban sobre a personaxe pública de Greta Garbo, o maior mito do cinema. Correspondencias privadas, arquivos do FBI gardados durante moito tempo e unha serie de documentos nunca desvelados antes son revelados neste espectáculo nunha sucesión de aventuras que amosan a estrutura de poder da industria cinematográfica. Greta Garbo foi unha das dez estrelas de Hollywood sospeitosas de pertencer ao Partido Comunista.

Divina Garbo define á misteriosa estrela (a súa obsesión pola intimidade), as estrañas regras que estabeleceu para aqueles aos que permitiu ollar dentro do seu templo de soidade e inclusive o fin prematuro da súa carreira cinematográfica. A obra recorre os bastidores (política e sexualidade) do clásico Raíña Cristina.

Roberto Cordovani revive a Greta Garbo a través de cinco acontecementos da súa vida, partindo da rodaxe en 1933 de Raíña Cristina e finalizando nos meses anteriores a súa morte no ano 1990.

Bruno Portela, responsable do decorado virtual, interpreta entre outros personaxes, ao porteiro do edificio no que Greta viviu, durante 37 anos, en Manhattan.

A maridaxe perfecta: teatro + viño
En colaboración coa Asociación Galega de Viticultura e co restaurante A Sopa, ponse en marcha esta iniciativa con diversas obras de teatro, mediante a cal se ofrece unha copa de viño de balde con cada entrada. Presentando a entrada do espectáculo no restaurante A Sopa (rúa Conga, 6) o mesmo día da estrea de Divina Garbo, poderase degustar de forma gratuíta unha copa do viño Señorío de Rubiós de As Neves, da Adega Coto Redondo.

Compartir: