FESTAS

A Festa dos Maiores atrae a preto de 2.500 persoas para gozar dunha xornada de boa comida e bailes

27/05/2006 As festas rematarán mañá, domingo, coa actuación da orquestra compostelá Lamas. Será ás 21.30 na Alameda.

O bo tempo e o ánimo da xente seguen acompañando ás festas da Ascensión na súa cuarta xornada. Especial protagonismo terán hoxe os nosos maiores coa celebración da "VIII Festa para os nosos Maiores" que se celebra no recinto feiral de Amio e que acollerá a preto de 2.500 persoas. Os asistentes gozarán cunha boa comida e compañía, todo amenizado cos sons da orquestra Os Trovadores. Cada ano esta festa consegue atraer a atención de máis persoas dispostas a pasar unha velada agradable e divertida.

Ás seis da tarde comezará a celebración do Día da Muiñeira, que inundará as rúas da cidade compostelá cun espectáculo de bailes e cantigas. 500 rapaces pertencentes a 35 grupos folclóricos de Santiago e comarca bailarán aos sons das músicas tradicionais. A celebración do Día da Muiñeira é xa un clásico das festas de Santiago xa que cumpre vinte e tres anos de existencia. Da man da Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos amosarase unha imaxe actual e renovada do folclore tradicional galego.

A modernidade e a tradición irán parellas nesta celebración. Coa participación destes rapaces, que bailarán todos ao mesmo tempo, compróbase que o folclore segue vivo en Galicia xa que cada vez se forman máis grupos novos.

Ademais de estas actividades, o programa de hoxe, sábado, complétase co Pasarrúas Gaiteiros e Fanfarria B.M.W. Ás cuatro da tarde celebrarase un novo campionato de chave e xa á noite, volveremos a bailar e gozar cos sons da orquestra Cunter´s na Alameda. Moitas alternativas para todas as edades pero con especial protagonismo na xornada de hoxe para os maiores e os nenos.

Frank T e Ariadna Puello reúnen a 4.000 persoas
No concerto celebrado onte no campus sur, onde os protagonistas foron os hiphoperos Frank T e Ariadna Puello, reuníronse 4.000 mozas e mozos para vibrar coas letras reivindicativas e pegadizas destes dous referentes deste estilo en España.

Coa celebración dos outros dous concertos, Kiko Veneno e Muchachito Bombo Infierno e Celtas Cortos, son 22.000 rapaces os que se interesaron polos concertos do campus sur. Todo un éxito de participación e estilos diferentes.

Os amantes da boa música e dos bailes aínda teñen unha oportunidade mañá, domingo, xa que a orquestra compostelá Lamas porá o broche final a estas festas da Ascensión 2006 cunha actuación ás 21:30 horas na Alameda da cidade. Unha boa maneira de rematar unhas festas onde a participación cidadá e o comportamento cívico foron a nota predominante.

Compartir: