ALCALDÍA

O alcalde amosa o seu apoio ao Santiago Futsal ante a súa situación económica

19/02/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, reuniuse en Raxoi co presidente do Santiago Futsal, Ramón García Fernández; co vicepresidente, Lalo Foira, e co director xeral, Miguel Fernández.

Na reunión, na que tamén participou o concelleiro de Deportes, Adrián Varela, os dirixentes explicáronlle ao alcalde a situación "delicada" que atravesa o club no eido económico. Neste sentido, Ángel Currás manifestou a intención do Concello de seguir colaborando "na medida das posibilidades" co Santiago Futsal, equipo que recibiu unha última achega municipal de 50.000 euros, a cantidade máis alta que se destina no capítulo de subvencións a entidades deportivas. "O momento actual non favorece outro tipo de apoios económicos, pero que teñan a seguridade de que o Concello apoio ao Santiago Futsal e seguirémolo facendo", indicou.

O presidente do club agradeceu a "solidariedade" do alcalde co Santiago Futsal e recoñeceu que é un "reto" saír adiante na actual situación económica. En calquera caso, amosouse confiado en que "entre todos poidamos buscar vías para que o proxecto siga vixente".

Compartir: