COMERCIO

O Concello reúnese co tecido comercial da cidade para analizar as accións do 2013

19/02/2013 A concelleira de Comercio, Reyes Leis, reuniuse coas asociacións comerciais da cidade: Compostela Monumental, Santiago Centro, Em- Rede, e Esperta Conxo. Na xuntanza fíxose un balance das actividades municipais desenvolvidas polo Departamento de Comercio no ano 2012 e analizouse a programación para 2013.

Respecto a 2012, as asociacións valoraron positivamente actividades como o Santiago Stock ou o Nadalamos, que naceron o ano pasado para dinamizar o tecido comercial. Tamén salientaron os Premios do Comercio que, malia a ter xa algúns anos, foron redefinidos en 2012.

En base a esta análise, dende o Concello programarase neste ano 2013 un programa similar ao do ano pasado, mellorando as diferentes iniciativas en base ás suxestións e propostas realizadas polas asociacións e o tecido comercial.

Na reunión tamén se definiron as bases das subvencións para actividades de promoción e dinamización comercial. Á petición das asociacións, incrementaranse as contías máximas a recibir por cada entidade beneficiaria. A aprobación do orzamento municipal segundo as previsións permitirá resolver a convocatoria antes do verán.

As principais novidades e melloras a estas bases foron xa introducidas en 2012. Os comerciantes valoraron especialmente as melloras na xustificación da subvención, introducindo un coeficiente corrector para o caso de que a entidade recibira como subvención unha cantidade menor á solicitada. As bases de 2013 quedaron asentadas na xuntanza.

Compartir: