ALCALDÍA

O alcalde analizou cos veciños as necesidades máis urxentes de Lavacolla

18/02/2013 O alcalde compostelán visitou Lavacolla para analizar de primeira man as necesidades desta parroquia de San Paio de Sabugueira. Ángel Currás comprometeuse a ir atendendo as demandas máis urxentes dentro das posibilidades orzamentarias.

A visita respondía a unha petición dos veciños, que desexaban que o alcalde inspeccionara sobre o terreo as principais necesidades da parroquia, a máis grande de Compostela, con máis de 1.500 habitantes. Ángel Currás lembrou que, neste momento, están en marcha nesta zona actuacións de Agader, Xunta de Galicia e Deputación da Coruña. Non obstante, comprometeuse a ir solucionando outras demandas urxentes na medida das posibilidades económicas do Concello.

Os veciños de Lavacolla formularon diversas peticións en cuestións como o saneamento e o abastecemento, equipamentos deportivos, parques, vieiros ou beirarrúas, entre outras. De todas elas, o concelleiro de Medio Rural, Luis Bello, considerou as máis "viables" na actualidade as de reparación e mantemento de pistas, os desbroces e algunha actuación de dotación de abastecemento e saneamento.

"Trataremos de achegar a rede de saneamento e abastecemento a zonas de vivendas con solos considerados urbanos e que non poden construír por non dispor destes servizos", indicou o edil. Como solución alternativa, formulou a posibilidade dunha modificación puntual do PXOM, no sentido de devolver a estes solos a condición de consolidados, de xeito que se poderían construír vivendas con abastecemento e saneamento autónomos. Esta carencia é unha situación que afecta, segundo dixo, a unhas 200 vivendas e 800 veciños.

Compartir: