TURISMO

Cita en Amio para os amantes dos automóbiles e motocicletas de época

15/02/2013 Os concelleiros Reyes Leis, Luis Bello e Adrián Varela asistiron á apertura da terceira edición de Retro Auto&Moto Galicia, que se celebra no recinto feiral de Amio do 15 ao 17 de febreiro. A organización agarda o paso dunhas 20.000 persoas por esta feira, convertida xa nunha cita obrigada para os amantes do automóbil e da motocicleta de época.

A firma Renault ten un especial protagonismo nesta edición, cunha exposición monográfica na que se amosan uns 40 vehículos, dos cales o mais antigo data de 1903. Para completar a exhibición, haberá unha charla coloquio sobre a marca francesa en competición, na que participarán, entre outros, pilotos emblemáticos como Guillermo Barreras, José Pavón ou Luis Aragonés. Será o sábado 16 ás 20:00 horas.

Retro Galicia volverá a ser o lugar elixido como chegada do XIV Rally Rías Baixas de Clásicos, competición de regularidade cuxa última etapa concluirá en Amio a media tarde do sábado. Os participantes percorrerán un circuíto especialmente habilitado no exterior do recinto feiral.

Como nas dúas edicións anteriores, o certame ten un marcado carácter comercial, o que permite non só admirar os vehículos expostos, senón tamén mercalos. Os posuídores dun automóbil clásico teñen en Retro Galicia unha zona de estacionamento reservada, ademais dun desconto do 50% no prezo da entrada.

Seguindo co capítulo expositivo, un dos expositores máis destacados é o da Fundación Estanislao Reverter. Alí hai réplicas en miniatura de coches, trofeos, programa se rallys de valor histórico, murais fotográficos, etc.

Motos
As motos tamén teñen espazos e eventos dedicados. Así, o Salón compostelán é o escenario da presentación oficial do Campionato Galego de Motos Clásicas 2013. E ao igual que sucede cos coches, os particulares que dispoñen de motos de época poden exhibilas e vendelas nun espazo exclusivo para eles.

Igualmente no eido das motos, destaca a exposición de motos empregadas na súa carreira deportiva polo malogrado piloto lucense Juan López Mella, e outra de réplicas de cascos empregados por algúns dos mellores pilotos da historia do motociclismo.

A entrada a Retro Galicia custa 8 euros, coa posibilidade de adquirir un abono de 12 euros para varios días. Os nenos de ata 10 anos non pagan entrada. Ademais, os que visiten o Salón nun vehículo clásico ou formando parte dunha concentración –ata un máximo de dúas persoas por vehículo- verán o prezo da entrada reducido a 4 euros.

Os horarios de funcionamento son: o venres 15 de febreiro, de 16:00 a 21:00 horas; o sábado 16, de 10:00 a 22:00 horas; e o domingo 17, de 10:00 a 20:00 horas.

Compartir: