ALCALDÍA

A Semana Santa de Santiago de Compostela súmase ás redes sociais

15/02/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, presentou o programa da Semana Santa 2013, celebración que nesta edición se suma ás redes sociais co fin de facilitar a súa difusión e promoción. Serán 16 procesións, que poderán ser seguidas en tempo real, e diversos cultos e actos litúrxicos.

Ángel Currás valorou esta incorporación das novas tecnoloxías para que a Semana Santa de Santiago "chegue a todas partes", incrementando a proxección turística da cidade. Confiou ademais en que o bo tempo acompañe para facilitar a participación nas distintas procesións de composteláns e visitantes.

Sobre o programa falou tamén o presidente da xestora da Xunta de Confrarías, Manuel Souto. "Temos un bo programa para unha boa promoción", dixo, co desexo de que esta edición sirva para "crear unha inercia, de xeito que co inicio da Cuaresma comece a promoción da Semana Santa de Santiago". Esta celebración ten agora unha renovada imaxe e está presente en Facebook e en Twitter, dende onde se poderá seguir cada procesión en tempo real. Toda a información estará dispoñible na web www.semanasantaensantiago.com.

A Semana Santa de Santiago abrirase o sábado 16 de marzo, ás 20:30 horas, na igrexa de San Paio, co pregón a cargo de José Manuel Díaz Bustamante, profesor da Universidade de Santiago. As procesións comezarán o venres de Paixón, o 22 de marzo, coa saída da procesión da Virxe das Dores, ás 21:00 horas, dende a igrexa de San Miguel dos Agros, a onde regresará realizado o percorrido.

O domingo 24 de marzo sairá e volverá a San Francisco, tras ir ata a praza do Obradoiro, a procesión da Entrada en Xerusalén (11:00 horas). Esta mesma xornada terá lugar a procesión da Esperanza, con saída e chegada na Igrexa das Ánimas (18:00 horas).

O luns 25 partirá da igrexa de Santa María do Camiño, ás 21:30 horas, a procesión da Humildade. Xa o martes 26, ás 21:00 horas, sairá do convento das Mercedarias, para dirixirse á Catedral, a procesión do Santísimo Cristo da Paciencia.

Mércores Santo
Xa o Mércores Santo e organizado pola Coordinadora de Asociacións Relixiosas Segrares, celebrarase o exercicio do Vía Crucis no campiño de San Francisco. Para as 19:30 horas está prevista e para as 20:00 horas o Vía Crucis. En caso de choiva, estes actos realizaríanse na Catedral.

Para rematar a xornada, ás 23:00 horas, partirá das Orfas a procesión dos Estudantes, organizada pola Irmandade do Santísimo Cristo da Misericordia, Noso Pai Xesús da Esperanza e Nosa Señora dos Remedios.

Xoves e Venres Santo
A procesión da Última Cea do Salvador sairá un ano máis en Xoves Santo, organizada pola Confraría da Vera Cruz. Arrincará ás 19:00 horas e rematará na igrexa de San Francisco, encabezada por unha talla do escultor compostelán Sanmartín realizada en 1864. E pouco antes da media noite, ás 23:30 horas, dende a igrexa de Santo Agostiño, a procesión de Xesús Flaxelado percorrerá as rúas da zona histórica. Esta marcha ten carácter penitencial, con cruces e cadeas.

O Venres Santo iniciarase pola mañá, ás 11:00 horas, coa procesión do Santo Encontro, que partirá da praza da Quintana para chegar á igrexa de San Miguel dos Agros. Xa pola tarde (18:00 horas) sairá a Procesión da Quinta Angustia dende a igrexa do mesmo nome. Esta comitiva acostumaba a saír o luns de Pascua, sendo trasladada ao Venres Santo en 1968.

Tamén este día pasea a Procesión do Santo Enterro, con saída e chegada en San Domingos de Bonaval (20:00 horas). O Cristo Xacente e a Virxe dos Coitelos sobresaen entre os confrades vestidos de frac. A última procesión da xornada é a da Virxe da Soedade, que arrinca ás 23:00 horas na rúa Nova e remata na igrexa de Santa María Salomé. Ata os anos 30 a procesión saía o Domingo de Paixón. Durante moito tempo recibiu o nome popular de procesión de "Os Caladiños" e nela desfilaban tan só mulleres.

Sábado Santo e Domingo de Resurrección
O sábado 30 de marzo, ás 19:30 horas, sairá do Colexio da Inmaculada a procesión dos Irmáns, da que se encarga a Confraría do Santísimo Cristo da Unción e Nosa Señora da Serenidade. Ademais destas dúas imaxes, uns nenos portan a Cruz dos Infantes. E xa o Domingo de Pascua, o 31 de marzo, ás 11:00 horas, a procesión do Cristo Resucitado, con saída na Quintana para recollerse logo no convento de San Francisco.

Xa fóra da propia Semana Santa, o domingo 7 de abril, ás 11:00 horas, celebrarase a procesión do Santísimo Cristo da Paciencia, que ten como punto de partida a Catedral e como meta a igrexa da Mercé de Conxo.

As procesións estarán acompañadas doutra serie de cultos e actos litúrxicos propios destas datas, moitos deles na Catedral compostelá. A bendición de palmas e ramos na Quintana, a Santa Misa Crismal, o Sacramento da Penitencia, a Santa Misa da Cea do Señor, a cerimonia do lavatorio de pés, o Sermón das Sete Palabras, o Vía Crucis, o Sermón da Soedade ou a Vixilia Pascual son algúns destes actos.

Direccións relacionadas



Compartir: