FESTAS

A comparsa de robots dos Armatroula de Laraño e a carroza bélica Terra, Mar e Aire gañan o concurso do martes de Antroido

12/02/2013 Os composteláns saíron un ano máis á rúa para contemplar o desfile do Antroido. Carrozas, comparsas, charangas e centos de disfraces animaron e deron colorido a unha tarde divertida, malia as inclemencias meteorolóxicas. Tras o percorrido polas rúas da cidade, o xurado elixiu os mellores en cada categoría, que se repartiron 12.000 euros en premios.

Este ano tiveron unha participación especialmente activa os centros socioculturais, con tres comparsas e máis de 400 persoas. A comitiva festiva partiu da estación do ferrocarril para percorrer as rúas Romero Donallo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, Praza Roxa, República do Salvador, Hórreo e Senra, para rematar na avenida de Juán Carlos I.

Rematado o desfile, a Orquestra Compostela amenizou a tarde, á espera da decisión do xurado respecto ás diferentes categorías de participación: carrozas, comparsas, grupos, parellas e individual. Os elixidos como gañadores polo xurado repartíronse 12.200 euros en premios. Nas categorías de carrozas e comparsas, os primeiros clasificados levaron 2.000 euros, polos 400 que levou o mellor grupo, os 300 da mellor parella o os 200 do mellor disfrace individual. Ademais, houbo premios especiais para as mellores comparsas procedentes das parroquias e barrios do municipio. Entregados os galardóns, continuou a sesión musical.

Os premiados
Entre as cinco carrozas participantes resultou gañadora a denominada Terra, Mar e Air, de Vimianzo. Segunda quedou Gran Circus, de Sanxenxo; terceira, Tolos Anos 60, de Meicende; e cuarta, Prima de Risco, de Santiago.

Na categoría de comparsas, con 12 inscritas, o primeiro premio foi para Os Armatroula de Laraño van de Robotmanía, da parroquia compostelá de Laraño e realizada con materiais de refugallo. Na segunda, terceira e cuarta posición quedaron, respectivamente, Estrelas da Noite, de Tomiño; Superheroes en Acción, dos centros socioculturais de Santiago; e O Mundo Animado da Tele, tamén de Compostela. No referente ás comparsas dos barrios, con premios especiais, os tres primeiros clasificados foron: Seres Mitolóxicos Galegos, do CSC de Conxo (1º); Os Garanduxos (2º); e Burbullas Guerreiras, de Laraño (3º).

Burbullas de Luxe, de Santiago, levou o máximo galardón na modalidade de grupos. A continuación quedou Rarís, o Centro do Universo, de Teo.

En parellas, gañaron As Raíñas da Reciclaxe. O segundo e terceiro posto foron, respectivamente, para as denominadas As das Coles (Santiago) e Aliens (Rois).

Finalmente, o mellor disfraz individual foi A Cegoña París-Santiago, de Sigüeiro. O segundo premio recaeu en A Castañeira da Rúa, de Teo, e o terceiro en Cociña Ambulante, de Santiago.

Queima do Meco
A tradicional queima do Meco, ás 21:00 horas, na praza Roxa, porá fin ao Antroido 2013. O boneco será acompañado cara o seu triste destino durante un percorrido que, partindo do Toural, pasará por: rúa Nova, rúa do Vilar, Senra, Doutor Teixeiro, República do Salvador e praza Roxa. O acompañamento musical correrá a cargo da Banda Municipal e a animación poraa a comparsa A Ruliña de Laraño.

Compartir: