CULTURA

Uxía presenta "Meu canto" no primeiro concerto da serie Cantigas de Mulleres

11/02/2013 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, e Uxía presentaron o concerto que a artista dará dentro do ciclo Sons’13 e no que presentará o seu traballo Meu canto. Este concerto inaugura a serie Cantigas de Mulleres, inspirado no CD homónimo editado por Fol Música, unha compilación baixo a dirección artística de Uxía e que pretende ser unha escolma das mellores voces femininas da escena galega e unha mostra do gran talento e calidade das nosas artistas.

Na rolda de prensa tamén participou Sés, que será a artista convidada do concerto de Uxía e a protagonista do segundo concerto de Cantigas de Mulleres, o 7 de xuño. O concerto de Uxía será o venres 15 de febreiro, a partir das 21:00 horas, no Teatro Principal. As entradas, 10 euros anticipada (12 € na billeteira) están xa á venda na billeteira do Teatro Principal, aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas.

Meu canto é unha relectura dos temas fundamentais do repertorio en directo de Uxía e temas que ata agora nunca tiña abordado. Unha proposta limpa de artificios na que o fundamental é a súa excepcional voz. Meu canto porque a maioría das cancións conteñen a palabra canto porque este disco é unha reflexión sobre o acto de cantar, as emocións que provoca, a voz, a esencia... Nesta ocasión, a súa travesía lévanos a Brasil, onde foi gravado este traballo coa produción do prestixioso músico Jaime Alem (produtor de Maria Bethânia), o talento e a complicidade do virtuoso instrumentista Sérgio Tannus e as colaboracións de Lenine, Socorro Lira e Fred Martins. No concerto estará acompañada de Sérgio Tannus: guitarra, viola caipira, cavaquinho e pandeiro; Xoan Porto: guitarra, acordeón e percusión e, como diciamos, como invitada especial. Sés

Cantigas de Mulleres entrou recentemente nas prestixiosas listas europeas de World Music, WMCE (World Music Charts Europe) e recibiu eloxiosas críticas na BBC, revistas especializadas de todo o mundo e programas de radio de toda Europa. E acadou importantes premios, como o Mellor Album de Raíz nos Premios da Música Independente e Premio Opinión á mellor artista e traxectoria de música folk, no 2012.

Uxía, a voz do Atlántico
Vinte e cinco anos de carreira artística convértena nunha das voces máis populares e valorizadas da nosa lingua. As súas cancións seguirán tendo a presenza latente da música tradicional, cun tratamento innovador. Unha voz máis contida e máis profunda ca nunca. Unha voz que amosa toda a forza e toda a vulnerabilidade coa que Uxía chegou a este punto do camiño, coa convicción de que un pobo que cantou desde tempos inmemoriais non pode perder un instrumento tan fundamental como a propia voz, o propio canto, Meu canto.

Uxía, unha das voces máis populares do mundo lusófono, é creadora e directora artística do máis importante Festival da Lusofonía, Cantos na Maré, que se celebra cada ano en Pontevedra.

En palabras de Uxía, "Así somos (as mulleres) nós no canto... forza matriz, mulleres-sol*, das que non se arredan, das que non temos pelos na lingua, das que non cantamos só ás pombas e as flores, das que facemos cantigas na nosa lingua e coidamos a valiosa herdanza das cantigas das nosas avoas, pandeireta en man, Morganas que berramos forte ou docemente susurramos unha nana, mulleres que sabemos que a revolución pendente, a do século XXI é a nosa, cando mostremos as nosas cores, e en todas partes resoe o cantar forte e poderoso das mulleres deste país que tamén ten nome de muller".

* (definición de Xurxo Souto para referirse ás mulleres da música galega)

Sés, artista convidada e protagonista do próximo concerto
Sés é o proxecto musical da cantautora coruñesa María Xosé Silvar: ritmos americanos repensados en galego e en feminino, letras escritas a conciencia e unha actitude enérxica e independente enriba e debaixo do escenario. Así se presenta ela. Formada na música e no baile tradicional, María Xosé Silvar é profesora e licenciada en Filoloxía Galega e Antropoloxía Social. En 2007 crea xunto a tres amigos Chámalle Xis!, un dos grupos revelación daquel ano e un dos gañadores do concurso ACoruña Son, apadriñado por Santiago Auserón. Logo de colaborar con grupos coma Zënzar ou Xabier Díaz, en 2010 María Xosé Silvar ficha pola produtora carralesa Airapro, que fai de Sés un dos seus proxectos insignia e coa que publica en 2011 Admirando a condición, o primeiro disco de Sés, un proxecto 100% en galego e 100% en feminino.

Despois de case tres anos e 100 concertos de Sés por toda Galicia e parte do estranxeiro -a maioría deles, no formato acústico-, a carismática María Xosé Silvar xa é unha figura consolidada e todo un referente de creatividade e independencia artística na música galega.

Neste concerto colaborará con Uxía e o 7 de xuño será a protagonista do segundo concerto de Cantigas de Mulleres no Principal, onde presentará o seu novo disco, que sairá a luz a finais de abril.

Compartir: