TURISMO

Santiago acolle por terceiro ano consecutivo a maior feira de vehículo de época de Galicia

11/02/2013 O recinto feiral de Amio acolle do 15 ao 17 de febreiro a terceira edición do Retro Auto&Moto Galicia, convertida xa nunha cita obrigada para os amantes do automóbil e da motocicleta de época. A organización agarda a asistencia dunhas 20.000 persoas, provenientes fundamentalmente de Galicia e do Norte de Portugal.

A concelleira de Comercio, Turismo e Mercados, Reyes Leis, presentou esta terceira edición de Retro Auto&Moto Galicia e agradeceu á organización a súa aposta por Santiago para celebrar este evento. Foi precisamente o director xeral de Eventos del Motor, José Enrique Elvira, o encargado de explicar a ampla oferta expositiva e de eventos desta feira, que ocupará unha superficie de 17.000 metros cadrados.

A firma Renault terá un especial protagonismo nesta edición, cunha exposición monográfica na que se amosarán uns 40 vehículos, dos cales o mais antigo data de 1903. Para completar a exhibición, haberá unha charla coloquio sobre a marca francesa en competición, na que participarán, entre outros, pilotos emblemáticos como Guillermo Barreras, José Pavón ou Luis Aragonés. Será o sábado 16 ás 20:00 horas.

Retro Galicia volverá a ser o lugar elixido como chegada do XIV Rally Rías Baixas de Clásicos, competición de regularidade cuxa última etapa concluirá en Amio a media tarde do sábado 16. Os participantes percorrerán un circuíto especialmente habilitado no exterior do recinto feiral.

Como nas dúas edicións anteriores, o certame terá un marcado carácter comercial, o que permitirá non só admirar os vehículos expostos, senón tamén mercalos. Os que dispoñan dun automóbil clásico e queiran acudir a Retro Galicia terán unha zona de estacionamento reservada, ademais dun desconto do 50% no prezo da entrada.

Seguindo co capítulo expositivo, un dos expositores máis destacados será o da Fundación Estanislao Reverter. Alí haberá réplicas en miniatura de coches, trofeos, programa se rallys de valor histórico, rurais fotográficos, etc.

Motos
As motos tamén terán espazos e eventos dedicados. Así, o Salón compostelán será o escenario da presentación oficial do Campionato Galego de Motos Clásicas 2013. E ao igual que sucede cos coches, os particulares que dispoñan de motos de época, poden exhibilas e vendelas nun espazo exclusivo para eles.

Igualmente no eido das motos, José Enrique Elvira destacou a exposición de motos empregadas na súa carreira deportiva polo malogrado piloto lucense Juan López Mella, e outra de réplicas de cascos empregados por algúns dos mellores pilotos da historia do motociclismo.

Tres xornadas
A entrada para o Retro Galicia custará 8 euros, coa posibilidade de adquirir un abono de 12 euros para varios días. Os nenos de ata 10 anos non pagarán entrada. Ademais, os que visiten o Salón nun vehículo clásico ou formando parte dunha concentración –ata un máximo de dúas persoas por vehículo- verán o prezo da entrada reducido a 4 euros.

Os horarios de funcionamento serán: o venres 15 de febreiro, de 16:00 a 21:00 horas; o sábado 16, de 10.00 a 22:00 horas; e o domingo 17, de 10:00 a 20:00 horas.

Compartir: