CENTROS SOCIOCULTURAIS

Aberto o prazo de inscrición para a viaxe ao Deza, a primeira de "Imos de excursión"

08/02/2013 A primeira das viaxes do programa municipal Imos de excursión, da Concellería de Participación Cidadá e Centros Socioculturais, celebrarase o domingo 24 de febreiro, con destino á Comarca do Deza. Xa está aberto o prazo para inscribirse nesta excursión.

Esta primeira excursión está vinculada á celebración do Entroido e permitirá aos participantes visitar o Pazo de Oca, o santuario do Corpiño, Fontao e a Casa Museo A Solaina. Ademais, os viaxeiros poderán degustar o tradicional cocido na Casa Fogar de Breogán. O prezo desta excursión é de 27 euros. Información e inscrición nos centros socioculturais.

O programa
Imos de excursión ofrece en 2013 un total de nove excursións e de dez viaxes de varios días. Son ata 1.540 prazas dispoñibles, 990 para as excursións diarias e 550 para as demais.

Na excursións diarias, o máximo de participantes establécese en 110 persoas, mentres que nas viaxes o límite fíxase en 55. A inscrición mínima para que se realicen será de 35 persoas.

O programa Imos de excursión desenvólvese en sábados, domingos e pontes festivas. Está destinado ao público en xeral, agás as viaxes termais, nas que é preciso ser maior de idade; a de Nadal en Portugal, pensada especialmente para xente maior de 55 anos; ou a excursión de aventura en Asturias, que é para maiores de 14 anos.

O prezo que paga o participante inclúe, no caso das viaxes os gastos derivados de seguro, transporte, pensión completa e servizo de guía. Nas excursións o prezo comprende igualmente transporte, seguro, servizo de guía e xantar.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: