ALCALDÍA

O Eixo Atlántico aproba un orzamento de 3,6 millóns de euros para o exercicio 2013

08/02/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, asistiu á Asemblea Xeral do Eixo Atlántico, que aprobou un orzamento de máis de 3,6 millóns de euros para 2013. Tras a reunión, celebrada no Concello da Coruña, o Eixo entregou as súas Medallas de Ouro nun acto presidido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

A Asemblea Xeral do Eixo Atlántico ratificou un orzamento de algo máis de 3,6 millóns de euros para 2013. Desta cantidade, só o 12% provén das achegas dos 34 concellos que a integran. O groso do orzamento da entidade transfronteiriza (o 88%) xérase con recursos externos captados en fondos europeos, convenios con outras institucións e acordos con entidades privadas.

A reunión serviu tamén para dar a coñecer os novos proxectos europeos previstos para o exercicio, que se suman aos 11 que se executan dende 2012. O programa de actuacións previstas para 2013, reunidas baixo a denominación Eurorrexión 2020, impulsan, no ámbito do Eixo Atlántico as liñas que promove a Comisión Europea no documento estratéxico Europa 2020, e que son determinantes para preparar cidades competitivas para a saída da crise: desenvolvemento inclusivo, desesenvolvemento innovador e desenvolvemento sostible.

O programa de accións singulares continúa a impulsar a cooperación transfronteiriza a través de actuacións en materia de cultura (nova Bienal de Pintura do Eixo Atlántico), deportes (Xogos do Eixo), e turismo (Expocidades), áreas especialmente vinculadas á participación social na construción da Eurorrexión.

No ámbito da cooperación internacional, o Eixo Atlántico reforza a súa posición coma lobby en España e Portugal a través do impulso á Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas (RIET), na que se integraron recentemente as entidades empresariais da fronteira hispano lusa e na que o secretario xeral do Eixo Atlántico exerce tamén a secretaría xeral. Como lobby europeo, o Eixo participa activamente na rede de cidades e territorios de fronteira da UE (CECICN) na que, tamén exerce a secretaría xeral.

Medallas
As Medallas de Ouro do Eixo Atlántico recaeron nesta ocasión nos ex presidentes da Xunta de Galicia Gerardo Fernández Albor e Fernando González Laxe, xunto aos ex presidentes da Rexión Norte de Portugal Arlindo Cunha e Carlos Lage. O recoñecemento prodúcese pola súa achega á construción europea e a súa contribución á construción da Eurorrexión.

No perfil dos galardoados destacouse un elemento común aos catro, significativo no momento actual que vive Europa e especialmente a Península Ibérica: a defensa da pluralidade que exerceron desde as súas responsabilidades de poder, eludindo posicións sectarias, e moi especialmente, pola xenerosidade política e humana das que o catro fixeron gala á hora de alcanzar acordos que redundasen na solución de problemas comúns e por promover o desenvolvemento socio-económico da Eurorrexión, en particular, e da construción europea, en xeral.

Dende o Eixo indícase que os galardoados están unidos por un elemento común que se pode recoñecer: a súa profunda concepción humanista de Europa, situando á persoa, tanto individual, como colectivamente, por encima de intereses económicos e mesmo políticos. Para a entidade transfronteiriza, os catro son exemplo claro e coherente da construción da Europa dos cidadáns, por encima da construción da Europa dos estados, e mesmo, chegado o caso, da Europa dos mercadores.

Compartir: