CULTURA

"Luminosa nostalgia" desembarca no Teatro Principal dentro do ciclo Teatro & Danza

07/02/2013 Tras o seu recente paso polas madrileñas Naves do Español, aterra no Teatro Principal Luminosa nostalgia, a última de Sudhum Teatro, unha produtora madrileña co corazón posto en Galicia. Será os días 8 e 9 de febreiro, ás 21:00 horas, cando o Teatro Principal abra as súas portas para recibir esta montaxe do dramaturgo galego Gustavo del Río, que nesta ocasión presta especial atención á súa terra natal. Presentaron a montaxe teatral o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, o director da mesma, Gustavo del Río, e un dos protagonistas, Denís Gómez.

Luminosa nostalgia expón unha viaxe catártica a Fisterra, unha viaxe que emprenden os seus protagonistas coa idea de acabar coas súas vidas na fin do mundo. O suicidio pois, convértese en punto de partida deste percorrido, para o cal a compañía Sudhum Teatro propón a sinerxía entre as linguaxes teatral e cinematográfica. Deste xeito, suman á inmediata interpretación dos actores a proxección de pezas audiovisuais rodadas en diversas localizacións do litoral galego.

A peza comeza a súa xira por España o pasado decembro no Centro Ágora da Coruña, cidade de orixe do seu director e dos actores Denís Gómez e Rebeca Vecino, protagonistas, xunto ao madrileño Nicolás Gaude, de Luminosa nostalgia. Tamén a banda sonora deste proxecto é de factura galega, composta para a ocasión polo compostelán Nico Casal.

Con gran acollida por parte do público, Luminosa nostalgia continuou exhibíndose en distintas táboas da nosa xeografía, como o Teatro do Raval en Barcelona e, moi recentemente en Madrid, nas Naves do Español, dentro da programación da feira de artes escénicas MADferia, referente do pulso teatral na capital.

Entradas e máis Teatro & Danza
As entradas para Luminosa nostalgia poden mercarse, a 10 euros, no 902 434 443, en entradas.novagaliciabanco.es ou na billeteira do Teatro Principal, aberta de 18:00 a 21:00 horas. Despois desta obra, teremos no ciclo Teatro & Danza a estrea absoluta de Waltz, da compañía Voadora, o xoves 14 de febreiro na Zona C. Esta proposta poderemos vela de novo os días 15, 16, 17, 21, 22, 23 e 24 de febreiro.

A maridaxe perfecta: teatro + viño
En colaboración coa Asociación Galega de Viticultura e co restaurante A Sopa, ponse en marcha esta iniciativa (que xa se realizara con Tokio3) mediante a cal se ofrece unha copa de viño de balde con cada entrada. Presentando a entrada do espectáculo no restaurante A Sopa (rúa Conga, 6) o mesmo día da función de Luminosa nostalgia, poderase degustar de forma gratuíta algún dos viños das adegas da Asociación Galega de Viticultura. Farase esta maridaxe tamén na estrea de Waltz, con Divina Garbo e con O home almofada.

Compartir: