CULTURA

Christina Rosenvinge repasa 30 anos de carreira no ciclo Íntimo & Acústico

06/02/2013 Con 30 anos de carreira, Christina Rosenvinge bota a vista atrás e abre os caixóns para volver mostrar as cancións das que máis orgullosa sente. Faino abrindo o ciclo Íntimo & Acústico neste ano 2013, cun concerto o xoves 7, a partir das 21:00 horas, no Teatro principal. Neste concerto, no que estará acompañada por Aurora Aroca e Raúl Fernández, tamén ofrecerá novas gravacións expresamente rexistradas para o seu último traballo, o recompilatorio Un caso sin resolver, editado a finais de 2011 e que recolle o mellor da súa carreira e algunhas versións.

Dende as novas gravacións de "Tú por mí" e "Alguien que cuide de mí", a versión do "Hallelujah" de Cohen, a versión de Refree, "El Sud", e a recuperación dunha das súas composicións estrela: "Canción del eco". Despexadas de percusión e electricidade, as cancións de Christina medran en beleza coa nudez e as texturas que achega Raül (Refree) xa soe unha canción de La Joven Dolores, de Continental 62 ou mesmo dos Subterráneos, adquire unha sorprendente coherencia que vira ao redor da melodía.

Christina Rosenvinge foi construíndo unha carreira artística sólida como poucas neste país. Empezou con Ella e os Neumáticos, seguiu con Magia Blanca e, a voz feminina por excelencia da escena Indie española, alcanzou o éxito na súa carreira, sendo aínda adolescente, como cincuenta por cento do dúo Alex e Christina, continuando o seu camiño como Christina y los Subterráneos, dous proxectos que lle reportaron unha enorme popularidade nos anos noventa en España e en Sudamérica.

No ano 2000 instálase en Nova York, onde comezará a súa carreira en solitario, como Christina Rosenvinge, con tres discos integramente en inglés. Un tempo de pop subterráneo coa crueza de Mi pequeño animal. De volta no noso país, retoma as súas composicións en castelán e edita Verano fatal, un disco composto á limón co cantautor asturiano Nacho Vegas.

Un ano despois conquistará a propios e estraños co seu soberbio Tu labio superior (2009), con cuxas cancións percorreu durante case dous anos os máis importantes escenarios españois e que culminou cunha xira sudamericana que tocou Arxentina, Chile, Perú, Ecuador, Bolivia e México. Este periplo repetiríao coa súa seguinte entrega, La joven Dolores (2011).

Entradas e máis Íntimo & Acústico
As entradas para o concerto custan 15 euros (12 € no anfiteatro) e poden mercarse na billeteira do Teatro Principal (aberta de 18:00 a 21:00 horas) ou en Novagaliciabanco (na web entradas.novagaliciabanco.es ou no teléfono 902 434 443). Despois de Rosenvinge estarán en Íntimo & Acústico The New Raemon e Renaldo & Clara, Rubén Pozo, Sr. Chinarro, Luar na Lubre, Sidonie e Albert Pla.

Compartir: