CONSORCIO

Unha nova publicación estuda a relación da Igrexa co Pontificado na Idade Media

06/02/2013 O alcalde e presidente do Consorcio, Ángel Currás, asistiu á presentación do libro A Igrexa de Santiago e o Pontificado na Idade Media (1140-1417), de Xosé M. Sánchez Sánchez, editada polo Consorcio e a Universidade de Santiago.

A Igrexa de Santiago, como o resto de sedes peninsulares e europeas, mantivo unha activa relación co Papado ao longo de toda a Idade Media. O desenvolvemento da Igrexa dende Gregorio VII e a súa reforma no século XI ata o Concilio de Constanza trouxeron consigo un cambio na relación do Papado coas sedes de Europa.

Para comprender a evolución medieval compostelá hai que estudar a súa relación co Pontificado, obxecto deste volume que fai a análise dende amplos e variados puntos de vista que van dende o económico ao social e do poder político e feudal ao ámbito pastoral ou xacobeo.

O traballo, froito da tese doutoral de Xosé Manoel Sánchez que lle dirixiu Ermelindo Portela, elaborouse a partir de fontes pontificias custodiadas, principalmente, no Arquivo Secreto Vaticano e no Arquivo da Catedral de Santiago.

No acto, celebrado na sala reitoral do Colexio de San Xerome, participaron, ademais do alcalde e do autor, o reitor da USC, Juan Casares; a xerente do Consorcio, María Antón; o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan L. Blanco; e o seu homólogo do Consorcio, Juan Conde Roa.

O autor
Xosé Manoel Sánchez é doutor en Historia Medieval pola USC e técnico medievalista do Arquivo da Catedral de Santiago de Compostela. Actualmente imparte docencia de Historia Medieval no Centro Asociado da UNED en Pontevedra. É ademais autor de numerosos artigos, que publica en revistas como Archivum Historiae Pontificiae ou Anuario de Estudios Medievales, e de libros como Milites Templi. A Orde do Temple na vila de Melide (2006), co que obtivo o Premio de Investigación Histórica Vila de Melide, ou El pasado de los libros. Los códices compostelanos (2011).

Compartir: