VÍAS E OBRAS

O Concello inicia as tarefas de desentullo na rúa de Betanzos

06/02/2013 A Brigada de Vías e Obras comezou as tarefas de desentullo na rúa de Betanzos, onde na mañá do sábado 19 de xaneiro se producía o desprendemento dun talude e o enterramento dun vehículo estacionado na devandita rúa. Estes traballos permitirán ademais o acceso ao garaxe bloqueado por este desprendemento e a saída dos sete coches.

Na actualidade xa non existe risco de corrementos de terra, motivo polo que ata agora non se fixera a obra, xa que as pedras derrubadas actuaban a modo de suxeición. Unha vez que se termine coa limpeza da superficie procederase a introducir a maquinaria necesaria para apuntalar o terreo e construír tamén o muro inicialmente contemplado no proxecto do edificio.

O noiro cedeu polo efecto das choivas, que provocaron o derrubamento das pedra e o corremento de terras, feito tras o que a Brigada de Vías e Obras acometeu unha actuación de emerxencia consistente na construción dunha gabia para facer que a escorrentía da auga fora en dirección contraria ao talude.

Neste sentido, o concelleiro responsable da Brigada, Juan de la Fuente, lembrou que en 2009 un decreto municipal obrigaba aos veciños a realizar esta obra, pero que unha sentenza do contencioso-administrativo de 2012 ditara que este muro de contención lle correspondía construílo ao Concello, por tratarse dunha parcela municipal. De aí o mencionado proxecto encargado por Urbanismo a finais de decembro.

Recordou igualmente que, cando se outorgara a licenza de primeira ocupación en 2004, o técnico municipal non considerara necesario o muro. Finalmente, lamentou que tampouco se actuara sobre a orixe do problema cando xa houbera problemas en 2009 e anunciou que "haberá que indemnizar á persoa que tiña o seu vehículo estacionado".

Compartir: