CENTROS SOCIOCULTURAIS

"Imos de excursión" oferta 19 viaxes e máis de 1.500 prazas ao longo do 2013

05/02/2013 O concelleiro de Participación Cidadá e Centros Socioculturais, Francisco Noya, presentou a oitava edición do programa Imos de excursión. Nesta ocasión ofértanse nove excursións e dez viaxes de varios días, nas que poderán participar ata 1.500 persoas.

A principal novidade desta edición é a incorporación dunha viaxe cunha orientación xuvenil e de aventura, neste caso a Asturias, e de viaxes en clave familiar, como as denominadas Portugal dos Cativos e Costa Verde, esta última con visitas ao Museo do Calamar Xigante e ao Museo do Xurásico. A estas hai que sumar as viaxes gastronómicas, con catas incluídas, como a chamada Castela a gusto, e as termais, con visitas ás termas de Monçao (Portugal) e de Arnoia (Ourense). O programa tamén mantén algunhas das excursións que, ano tras ano, teñen unha boa acollida, especialmente entre os maiores, como pode ser a do Nadal en Portugal.

En total ofrécense 1.540 prazas: 990 para as nove excursións dun día e 550 para as dez viaxes de varias xornadas. Neste sentido, o concelleiro salientou que medra de sete a dez a oferta de viaxes de varios días. Na excursións diarias o máximo de participantes establécese en 110 persoas, mentres que nas viaxes o límite fíxase en 55. A inscrición mínima para que se realicen será de 35 persoas.

O programa Imos de excursión desenvólvese en sábados, domingos e pontes festivas. Está destinado ao público en xeral, agás as viaxes termais, nas que é preciso ser maior de idade; a de Nadal en Portugal, pensada especialmente para xente maior de 55 anos; ou a excursión de aventura en Asturias, que é para maiores de 14 anos.

O prezo que paga o participante inclúe, no caso das viaxes os gastos derivados de seguro, transporte, pensión completa e servizo de guía. Nas excursións o prezo comprende igualmente transporte, seguro, servizo de guía e xantar.

A inscrición en cada excursión ou viaxe realizarase nos centros socioculturais. Para a primeira das excursións, con destino a Comarca do Deza, prevista para o domingo 24 de febreiro, o prazo de inscrición ábrese o xoves 7 de febreiro.

Un programa de alta aceptación
O programa Imos de excursión consolidouse xa coma un proxecto de lecer que atrae durante todo o ano a variados sectores da poboación compostelá, tanto a persoas individuais como a pequenos grupos familiares que gozan desta variada oferta de viaxes. A iniciativa promove o descubrimento do patrimonio histórico, natural e cultural de Galicia, España e Portugal, e tamén o encontro e o intercambio de experiencias.

O Concello de Santiago promove este programa coa colaboración de Pontetur, Neotravel e de Caldaria. Asume os gastos derivados da difusión de carteis, traballos de inscrición e información nos centros e o custo do seguro da excursión Nadal en Portugal, que organiza directamente o Departamento de Centros Socioculturais. O gasto total para as arcas municipais é de 1.600 euros.

En 2012, 867 persoas participaron nas 18 excursións e viaxes ofertadas. Unha das viaxes, a da Asturias Mariñeira, non se puido realizar polo conflito da folga mineira nas datas previstas.

Documentos relacionados



Compartir: