CULTURA

A ópera, protagonista tamén da programación cultural de Compostela

04/02/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, asistiu á rolda de prensa da Asociación de Amigos da Ópera para presentar a programación do ano 2013, no que se conmemora o bicentenario de Verdi e Wagner, así coma o centenario de Benjamin Britten.

Ángel Currás agradeceu á Asociación, da que el mesmo forma parte, a presenza especial da ópera en Santiago grazas á programación para celebrar o bicentenario de Verdi e Wagner. E cara o futuro, expresou o seu desexo de que "algún día, poidamos ter este teatro que permita acoller espectáculos de ópera que, pola súa dimensión, hoxe non poden albergar o Teatro Principal ou o Auditorio".

A programación comezará en maio coa Semana Wagneriana. As actividades previstas son: unha conferencia impartida por Miguel Ángel González Barrio (20 de maio no Paraninfo da USC), a proxección na Fonoteca da USC da ópera Sigfrido; a proxección comentada da película Cita con Venus; unha exposición das láminas do Anel do Nibelungo, do debuxante Arthur Rackham; e un recital a cargo da pianista francesa Anne Boëls, que contará no seu programa coas Transcricións e Paráfrases de Liszt sobre as obras de Wagner. A Asociación pretende tamén incorporar ao programa unha cena lírica de carácter benéfico.

O mes de outubro terá como protagonista a Giuseppe Verdi. Entre as actividades do programa figuran unha conferencia no Paraninfo a cargo de José Luís Pérez de Arteaga; unha proxección de Otello na Fonoteca; outra proxección da película Casa Ricordi; as Transcricións e Paráfrases de Liszt sobre obras de Verdi, a cargo de Severino Ortiz; unha conferencia sobre Verdi doutro xeito, na que se falará sobre obras de Verdi retraballadas por outros compositores, como Johann Strauss. Tamén se está a traballar nun concerto lírico e nunha exposición.

En novembro celebrarase a Semana Britten, neste caso polo centenario do nacemento do compositor británico. Iniciarase o luns 18 cunha mesa redonda sobre Morte en Venecia, na que intervirán especialistas do eido da música, o cine e a literatura; o martes proxectarase na Fonoteca a Morte en Venecia de Britten; o mércores, a Morte en Venecia de Visconti; e o venres, data do aniversario, terá lugar un te lírico.

A Agrupación de Amigos da Ópera organizará tamén o 10 de maio un recital de fin de curso dos conservatorios de Galicia no Teatro Principal, ao que concorrerán os mellores alumnos e alumnas de canto dos conservatorios profesionais de Galicia.

Ciclos divulgativos, conferencias e audicións
Ao longo do 2013 terán lugar varios ciclos divulgativos, un de conferencias no Paraninfo da USC e outro de proxeccións na Fonoteca; así como un ciclo de grandes intérpretes en formato pequeno no Hotel Araguaney. O programa inclúe tamén diversas sesións pedagóxicas en centros de educación infantil e primaria do Concello de Santiago impartidas por membros da directiva e a participación do secretario da Asociación nas Nerd Nites da USC o 16 de abril, cunha charla sobre os tópicos da ópera.

A estas actividades hai que sumar as Conversas Líricas no Paraninfo e a Ópera na Fonoteca. A primeira terá as seguintes citas, todas ás 20:00 horas: José López Calo, A ópera en Galicia (6 de febreiro); Arturo Reverter, Miguel Fleta (27 de febreiro); Carlos Villanueva Abelairas, A recepción de Wagner en Madrid e outras historias (20 de marzo); Andrea Merli, O Verdi hispánico (25 de abril); Miguel Ángel González Barrio, Wagner (20 de maio) e José Manuel González Herrán, Pardo Bazán e Wagner (19 de xuño). As escoitas previstas na Fonoteca da USC, ás 18:00 horas, son: 5 de febreiro, Don Giovanni; 5 de marzo, Il Barbiere di Siviglia; 9 de abril, Boris Godunov; 7 de maio, Das Rheingold; 14 de maio, Die Walküre; 21 de maio, Siegfried; 28 de maio, Götterdämmerung; 4 de xuño, Katia Kabanová. As sesións de maio serán ás 16:00 horas.

Documentos relacionados



Compartir: