MEDIO RURAL

O Concello aproveitará as obras do rural para facilitar aos veciños a conexión ás redes de saneamento e abastecemento

04/02/2013 O concelleiro de Medio Rural, Luis Bello, deu conta das obras que a Deputación da Coruña está a realizar na Peregrina. Puxo estas obras como exemplo da coordinación que o seu Departamento quere establecer para que os veciños poidan efectuar a conexión coas redes de saneamento e abastecemento a un menor custo.

As obras no núcleo da Peregrina afectan a un entorno de 660 metros e teñen a súa orixe nun plan de obras que databa de 2005, pero que se comezaron a executar en 2010. Comprenden o acondicionamento urbanístico desta zona, con obras de recollida de pluviais, saneamento e canalización da rede de alumeado público.

Indicou que os solos nos que se realizan as obras están afectados polas ordenanzas 6 e 11 do PXOM, polo que teñen unha cualificación urbana, que as obriga a dispoñer de conexión coas redes de saneamento e abastecemento para poder construír. Moitos destes núcleos non dispoñen de tales servizos, pero pagan o IBI como se os tiveran, dixo o concelleiro. Por iso,"mentres non activemos unha solución global para estes tipos de solo, trataremos de darlle os servizos na medida das posibilidades económicas do Concello", engadiu.

Neste sentido, indicou que se está a traballar na posibilidade de realizar unha modificación puntual do PXOM. Esta permitiría a estes solos regresar á situación como núcleos rurais consolidados, que permite a construción cunha solución autónoma de abastecemento e saneamento.

O concelleiro apuntou que esta é unha posibilidade que se lle vai explicar aos veciños afectados e que, segundo a súa decisión, se actuará. Neste sentido, lembrou a imposibilidade actual de dotar de redes de abastecemento e saneamento a todo o rural compostelán, intervención que valorou nuns 80 millóns de euros.

Volvendo ás obras da Peregrina, Bello mantivo unha reunión cos veciños beneficiados polas mesmas. Explicoulles que, mentres as obras están en marcha, poden aproveitar para realizar a conexión coas redes de abastecemento e saneamento. Facelo neste momento tería un custo menor para eles, xa que se evitaría ter que levantar posteriormente as beirarrúas e pavimentos. Isto tamén redundará en menores trastornos para a Administración, por non ter que realizar reformas en obras xa rematadas. Esta tipo de coordinación e de proposta aos veciños realizarase en todo os casos de obras no rural nas que sexa posible.

Melloras do pavimento
Por outra parte, o edil de Medio Rural falou en rolda de prensa do proxecto de rebacheo para as parroquias, que estaba previsto iniciar en novembro de 2012 e que estaba presupostado en 40.000 euros. A execución das obras non puido comezar debido ás condicións climatolóxicas, posto que, de realizalas con estas condicións de humidade "o traballo non sería nin efectivo nin duradeiro", apuntou.

Así, agardarase a que melloren as condicións climatolóxicas para realizar estas obras, xa en base aos orzamentos de 2013. Anunciou que ese orzamento inicial de 40.000 euros probablemente se incremente, debido ás novas fochas xurdidas este inverno. As parroquias máis afectadas son as de Figueiras, O Eixo, Enfesta, Sabugueira, Marrozos, Villestro e San Xoán de Fecha.

Compartir: