TURISMO

Balance positivo da presenza de Turismo de Santiago en FITUR

04/02/2013 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, para fixo balance da presenza de Santiago de Compostela en FITUR, cualificándoo de "moi positivo". Na feira, explicou, confirmáronse as expectativas en canto ao posicionamento de Santiago como destino cultural, gastronómico e relixioso, e como un destino cada vez máis atraínte para o turismo internacional.

Reyes Leis volveu salientar o crecemento do turismo internacional fronte ao doméstico, unha tendencia que cre se manterá tamén en 2013. A iso contribuirá, ademais da maior presenza en feiras internacionais, novas conexións aéreas como a de Estambul, que supón unha importante apertura cara o mercado asiático. Ademais, a ampliación no tempo e nas condicións da conexión con Dublín, dixo, permitirá mellorar as conexións con Norteamérica.

Volvendo á conexión con Estambul, lembrou que no marco de FITUR se asinou o convenio de colaboración con Turkish Airlines. Este acordo plásmase en accións como a publicación de información turística de Santiago en varios números da revista da compañía Turkish Airlines, a presenza de Turismo de Santiago na citada EMITT, esta presentación conxunta de FITUR, as accións promocionais nestas dúas feiras ou a organización de presstrips, famtrips e workshops para que os profesionais turcos poidan coñecer de primeira man Santiago de Compostela.

A propósito da implantación da compañía turca en Lavacolla, a concelleira quixo deixar claro que "non hai ningunha achega económica, nin do Concello nin de Incolsa, nin do Consorcio, nin de ninguén".

Tarifas especiais en RENFE
Tamén se referiu Reyes Leis aos convenios asinados no marco do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España con RENFE, Turespaña e Paradores. No caso do primeiro, este facilitará a obtención de tarifas especiais para estas cidades, a organización de viaxes de familiarización e a promoción de rutas.

A propósito deste acordo global para as Cidades Patrimonio, a concelleira anunciou que se está traballando nun convenio específico que permita obter descontos nas tarifas aos pasaxeiros nas rutas ferroviarias con Santiago de Compostela. En realidade, explicou, a intención é que este convenio o poida asinar a propia Xunta de Galicia, para que deste acordo se poida beneficiar non só Santiago, senón tamén outras cidades galegas.

En relación ao convenio con Turespaña, a concelleira destacou que permitirá a Santiago e a resto de Cidades Patrimonio estar presente sen importantes feiras internacionales e diversas accións promocionais nos mercados portugués, alemán, irlandés, austríaco, finlandés, sueco, norteamericano, arxentino, mexicano, chinés, indio e singapurense, entre outros.

O convenio con Paradores de Turismo permitirá deseñar e comercializar paquetes turísticos co fin de promover a comercialización dos establecementos da rede de Paradores nas Cidades Patrimonio da Humanidade de España e dos seus principais produtos turísticos e culturais.

Outro dos eventos desatcados foi a presentación dun innovador Tour Box para descubrir conxuntamente tres camiños de peregrinaxe declarados Itinerarios Culturais Europeos: o Camiño de Santiago, a Vía Francíxena e a Ruta de San Olav. Este Tour Box nace dentro do Proxecto Certo, no que, ademais de Turismo de Santiago, participan entidades de Italia, Noruega e Luxemburgo.

Finalmente, Reyes Leis salientou o interese espertado pola presenza de Santiago no stand de Turgalicia, e tamén agradeceu a Turespaña que tivera escollido unha fotografía da Catedral de Santiago, xunto coa dunha praia española, como imaxes do seu stand en FITUR.

Documentos relacionados



Compartir: