CULTURA

Outros sete concertos no ciclo Novas Orquestras para o primeiro semestre do ano

01/02/2013 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou a programación de xaneiro a xuño do ciclo Novas Orquestras, no que haberá sete concertos de diversas orquestras galegas conformadas por mozos e mozas. Estiveron acompañando ao xerente representantes de todas as orquestras que participarán: Fernando Briones, director da Orquestra Gaos; Alejandro Sanz, director académico da Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia; Rafael Yebra, vicedirector do Conservatorio Superior de Música de Vigo e Enrique Meyer, xefe de estudos da Escola de Altos Estudos Musicais.

O ciclo inaugurouse o pasado 10 de xaneiro coa Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia dirixida por Rubén Gimeno e co trompa Antonio Lagares. Estarán de novo o 31 de marzo xunto coa Orquestra de Nenos da Sinfónica de Galicia dirixidos por Diego García Rodríguez e coa violoncellista María Victoria Pedrero nun programa con obras de Vivaldi, Tchaikovski e Mahler.

Antes, o 10 de febreiro, estará a Orquestra Gaos dirixida por Fernando L. Briones e co guitarrista Mateo Arnáiz interpretando obras de Rodrigo, Bizet e Rimski-Korsakov. A Orquestra Gaos estará de novo o domingo 12 de maio, tamén dirixida por Briones, pero nesta ocasión acompañados do trompa David Fernández. O programa será con obras de Beethoven e Weber.

A Orquestra Sinfónica do Conservatorio Superior de Música de Vigo tamén estará neste ciclo. Será o luns 18 de marzo cun programa moi especial no que estrearán obras de Rui Penha, Joao Pedro Oliveira e Mateo Mena Calavia e no que contarán coa presenza dos tres compositores. O director será Franper Rodríguez e o solista o percusionista Vicent Grau.

Completan o programa os alumnos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais con dous concertos. O primeiro será o mércores 12 de xuño con obras de Bach, Vivaldi e Mozart baixo a dirección de Maximino Zumalave e acompañados de membros da Real Filahrmonía de Galicia. O segundo será a interpretación de A historia do soldado, de Stravinski o martes 18 de xuño, tamén baixo a dirección de Maximino Zumalave.

Todos os concertos serán ás 20:30 horas, agás o da Orquestra Nova e de Nenos da Sinfónica de Galicia do 31 de marzo, que será ás 20:00 horas. O prezo para todos os concertos é de 3 euros, sendo de balde para os abonados do Auditorio de Galicia. As entradas poden mercarse na billeteira do Teatro Principal, aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas, ou na billeteira do Auditorio de Galicia o propio día do concertos, aberta a partir das 18:00 horas.

Compartir: