FACENDA

A Carpeta Cidadá suma novos trámites de pagamento en liña e de descarga de certificados tributarios

01/02/2013 O Concello de Santiago continúa traballando na modernización dos procedementos de atención ao cidadán. Por iso, a Carpeta Cidadá da web municipal está incorporando as ferramentas necesarias para que en breve se poida realizar unha xestión integral da atención ao contribuínte. Nesta dirección, a Carpeta vén de sumar novos trámites, con máis posibilidades de autoliquidacións e a descarga de diversos certificados tributarios.

A concelleira de Facenda, Cecilia Sierra, deu conta destes novos trámites, que veñen a ampliar a administración electrónica tributaria. Ás posibilidades xa existentes, agora engádense novas autoliquidacións de taxas pola expedición de documentos administrativos. Así, poderán pagarse as autoliquidacións de planos cartográficos, certificados, copias, encadernacións, informes policiais , informes do mercado do gando, informes urbanísticos, taxas de exame ou tarxetas.

Outra nova opción da Carpeta Cidadá destaca pola edil é a da autoliquidación da taxa por matrimonio. Mediante este procedemento, os cidadáns poden liquidar e pagar a taxa pola celebración de matrimonios civís se nter que desprazarse ao Concello.

Finalmente, referiuse á ampliación da Carpeta Cidadá no relativo á obtención sen custo de informes e certificados de tipo económico. Poderán descargarse a través da web municipal certificados de beneficios fiscais dun vehículo, de débedas tributarias e de titularidade. Recordou tamén a posibilidade xa existente de face ruso da calculadora de tributos.

A propósito dos trámites económicos en liña, a concelleira apuntou que, en 2012, se realizaron 2.112 autoliquidacións de vehículos, 94 domiciliacións de recibos, 42 cambios de enderezo de notificación de impostos, 20 autoliquidación de taxas e impostos de construción e 11 solicitudes de novos períodos de pago de recibos fóra de prazo. En canto aos pagos en liña, en 2012 tramitáronse 2.868 recibos, polos 1.664 de 2011; e 1.364 autoliquidacións, fronte ás 1.088 do exercicio 2011.

Cecilia Sierra enmarcou estas novidades no obxectivo final de lograr unha xestión tributaria e recadatoria integral. "Buscamos unha xestión tributaria máis eficaz, transparente, integrada e orientada cara o contribuínte", apuntou. Neste sentido, referiuse tanto ao avance nas relacións co cidadán como ao funcionamento interno da Administración, creando sinerxias entre os diferentes departamentos municipais.

Compartir: