EMPREGO

Os obradoiros Santiago Impulsa permiten empregar a 37 persoas durante seis meses

01/02/2013 A concelleira María Castelao explicou en rolda de prensa a modificación orzamentaria, aprobada no último Pleno municipal, que permitirá ao Concello realizar a súa contribución económica aos dous obradoiros Santiago Impulsa. Trátase dun taller de carpintería e doutro de deseño de páxinas web dos que se benefician 37 persoas en total.

A Consellería de Traballo e Benestar destina 264.497 euros a estes obradoiros, correspondéndolle ao Concello unha achega de 50.000 euros. Segundo indicou María Castelao, tívose que habilitar unha partida por esta cantidade para cumprir con esta contribución. "Non se dispoñía desta partida orzamentaria concreta porque no momento de elaborar os orzamentos non podiamos saber nin que ía haber a convocatoria destes obradoiros de emprego nin se nos ían conceder os que solicitabamos –como así sucedeu en outubro- ou non", dixo, recordando igualmente que a Concellería de Benestar Social e Emprego "non dispón dunha partida de investimento, solo de actividades". De aí a necesidade da modificación orzamentaria.

Desta partida de 50.000 euros, 47.000 destínanse á adquisición de material e 3.000 a honorarios dos directores dos dous obradoiros. Estes dous obradoiros –un de carpintería e outro de deseño de páxinas web- permiten formar e dar traballo durante seis meses a 37 persoas: 30 alumnos e 7 formadores. Os alumnos perciben 600 euros mensuais durante estes meses.

Este programa mixto de formación e emprego ten unha dimensión tripla. Por unha banda, busca mellorar a empregabilidade dos traballadores ao ofrecerlles unha formación para o emprego en alternancia co desempeño dunha actividade real e produtiva de calidade, da man dos expertos que as imparten; por outro lado, ten unha notable utilidade social, xa que acada a realización de actuacións de mellora das dotacións públicas no ámbito local, que repercuten na mellora da calidade de vida e dos servizos para toda a sociedade.

Neste caso, un total de 15 alumnos fórmanse en carpintería, e outros 15 para o deseño e mantemento de páxinas web. En concreto, desenvolveranse obras de acondicionamento e mellora do centro de formación ocupacional de Sanxúans de Aríns, e elaboraranse e manteranse páxinas web da área municipal e de asociacións de ámbito social. Os participantes que superen con éxito o curso obterán un certificado de profesionalidade con validez estatal.

Compartir: