PERSOAL

En marcha un plan de actuación para reducir os niveis de radon no Pazo de Raxoi

29/01/2013 A concelleira de Persoal e Réxime Interior, Amelia González, informou en rolda de prensa sobre a posta en marcha dun plan para reducir as concentracións de gas radon nas dependencias do Pazo de Raxoi. Este programa, baseado fundamentalmente na captación e redireccionamento do gas en determinadas zonas para sacalo do edificio, permitirá avaliar se é o mellor sistema para reducir o gas na totalidade do inmoble.

Os estudos realizados no seu día polo Laboratorio de Análises de Radiacións determinaran que nun 58% das dependencias analizadas existían concentracións importantes de radon, segundo explicou Dolores Cortina, investigadora responsable do Laboratorio. Superábanse nestas zonas os 400 becquerelios por metro cúbico, concentración inferior ao índice de referencia actual fixado polo Consello de Seguridade Nuclear para os lugares de traballo, establecido en 600 Bq/m3, o que fai que, prioritariamente, esta actuación teña un obxectivo preventivo.

Os análises, marcados tamén pola singularidade do edificio de Raxoi, determinaron problemas como os dunha deficiente ventilación, que favorecía esa propagación do gas. Así, o estudo aconsellaba realizar unha actuación concreta, para logo medir a eficiencia das medidas para a redución das concentracións do gas.

Malia que a encomenda de xestión ao Consorcio de Santiago desta actuación se realizara xa en novembro de 2010 –indicou Amelia González-, é agora cando se retoma o plan. Esta intervención, cuxo proxecto realizou o arquitecto Ramón Blanco, de Terán y Blanco, parte da análise construtiva dun edificio "complexo", polos seus cerramentos, volumes e instalacións, segundo explicou o director de obra, Pablo Costas.

Constatouse que no Pazo de Raxoi se xuntaban varios factores que favorecían as concentracións de gas radon. Costas explicou que un deles é a situación de Raxoi nunha zona de recheo, unido ao recheo realizado na propia praza do Obradoiro, o que favorece a exhalación de radon. Tamén inflúe a existencia de muros soterrados, en contacto directo co terreo, e unha canalización de servizos en forma de i grega que, conectada coa rede de pluviais da praza, facilita a captación do gas.

Outros factores favorecedores son os ocos de servizo (chemineas, ascensor...) e os volumes de dobre altura, que crean un efecto cheminea pola diferenza de presións. Finalmente, Costas referiuse á escasa ventilación das estancias, que impide a liberación de gas e facilita a súa acumulación.

Coñecida a situación, o sistema polo que se optou é o de realizar depresións e sobrepresións co obxectivo de captar e direccionar o gas radon. Trátase utilizar arquetas e tubos (algúns de nova construción para este fin) e ventiladores, para así conducir o gas polas canles de servizo e reducir así os niveis que se filtran ás diferentes dependencias. A mellora da ventilación só se realizará naqueles puntos de maior concentración do gas.

Completada a actuación, realizarase novamente medicións dos niveis de concentración, o que permitirá determinar se este é o mellor sistema e se cómpre estendelo á totalidade do edificio. Este estudo e a súa singularidade, polo edificio ao que afecta, motivou o interese do Instituto de Ciencias da Construción Eduardo Torroja, do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Gas radon
Amelia González lembrou que o gas radon (Rn) procede da descomposición do uranio, elemento radioactivo que se atopa no solo de xeito natural. A penetración deste gas nos pulmóns por inhalación fai que sexa considerado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) como o segundo factor de risco para o cancro de pulmón, tras o consumo de tabaco.

Compartir: