ALCALDÍA

A duquesa dell’Aquila d’Aragona visita Santiago de Compostela

23/05/2006 A duquesa Maria Luisa Gaetani dell ´Aguila d´Aragona, organizadora dunha exposición sobre o Camiño de Santiago no palacio Chiostro del Bramante de Roma, visita Santiago de Compostela xunto a un grupo de nobre italianos.

Tras inaugurar o pasado 30 de marzo no palacio Chiostro del Bramante de Roma a exposición fotográfica ‘Il Cammino e i Camminatori di Santiago di Compostela’, a duquesa María Luisa Gaetani dell’Aquila d’Aragona chegou á capital galega percorrendo por quinta vez o Camiño de Santiago.

A duquesa e os seus acompañantes foron recibidos no Palacio de Raxoi polo alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, e polo conelleiro de Turismo, Francisco Candela.

O alcalde aproveitou a oportunidade para agradecer á señora Gaetani o seu esforzo na promoción da ruta de peregrinación e da cidade a través da súa mostra fotográfica, que tras exhibirse en Roma itinerará por cidades como Milán, Turín e Boloña.

Na recepción, a duquesa recibiu do alcalde Sánchez Bugallo o libro ‘Viaje de Nápoles a Santiago de Galicia’, escrito e ilustrado por un peregrino napolitano do século XVIII.

María Luisa Gaetani della’Aquila d’Aragona, grande de España, ex presidenta da Asociación contra o Cancro en Roma e membro fundador da Ópera de Roma, percorreu a pé o Camiño de Santiago en numerosas ocasións e recolleu coa cámara as súas vivencias na ruta e na cidade meta ‘para render honor aos millóns de peregrinos que me precederon nos séculos’ e deixar constancia ‘dunha aventura que debe conducir ao profundo descubrimento de un mesmo’.

O programa do grupo completouse coa asistencia á Misa do Peregrino na catedral, unha visita guiada e unha cea ofrecida por Turismo de Santiago.

Compartir: