CULTURA

"Violeta en Compostela", conto musical coas alumnas do Conservatorio Profesional

01/02/2013 As alumnas de viola do Conservatorio Profesional de Música de Santiago interpretan Violeta en Compostela, un conto musical dirixido por Lorenzo de los Santos e Itsaso Bermejo. Tras actuar en forma de concerto didáctico dirixido a centros educativos, o sábado 2 ofrecen unha nova función, esta vez aberta ao público, dentro do programa Infantil & Familiar. A actividade está recomendada para nenos e nenas a partir dos 5 anos e a entrada será de balde previa retirada dos convites na billeteira do Auditorio de Galicia, que abre ás 11:30 horas.

Violeta en Compostela é un conto musical elaborado co obxectivo de divulgar os instrumentos de corda e as súas posibilidades a través, especialmente, da viola. As intérpretes son nenas de 10-11 anos, alumnas do Conservatorio de Música Profesional de Santiago. A maioría tocan a viola e acompáñanas unha violonchelista e unha percusionista. É un traballo ideado e realizado dende a clase colectiva de viola, guiado polos profesores Itsaso Bermejo (profesora de viola) e Lorenzo de los Santos (pianista, que os acompaña tamén durante o conto).

O formato do conto estrutúrase arredor dunha historia, narrada por Itsaso, e ilustrada coas intervencións musicais das alumnas. As escenas enriquécense con coreografías, movemento escénico e elementos de caracterización dos diferentes personaxes e situacións narrados.

As alumnas implicadas xa teñen participado noutros contos musicais, representados en diferentes espazos da cidade (CGAC, Biblioteca Ánxel Casal, Conservatorio de Santiago, colexios de Santiago e da comarca). O resultado final foi realmente bo e a acollida entre o público infantil foi moi entusiasta.

A finalidade deste proxecto é dar a coñecer a viola, cun formato atractivo e dinámico, e propiciar o achegamento dos nenos á música clásica dun xeito divertido.

Compartir: