CULTURA

Sons’13 trae a Miguel Poveda ao Auditorio

28/01/2013 Miguel Poveda estará en Compostela sábado 2 de febreiro, ás 21:00 horas, para dar un concerto no Auditorio de Galicia dentro do ciclo Sons’13. Despois de Miguel Poveda e tras o paso de Café Quijano, completarán o cartel de Sons’13 Uxía, Ana Moura, Amancio Prada, Odaiko, Coetus&Eliseo Parra, Pradairo, Pedro Guerra, Budiño, Win Mertens e Malevaje.

Miguel Poveda ofrécenos unha primeira parte cun repertorio do cante mais tradicional, aínda que coas achegas que o artista lles dá, conservando a súa esencia pero pasándoos polo seu filtro persoal. A segunda parte, coa colaboración do mestre Joan Albert Amargós, interpretará algunhas cancións do seu repertorio de Coplas del querer.

Miguel converteuse nunha máxima figura do xénero e da música española en xeral. Nado en Barcelona en 1973, empeza a cantar aos 15 anos na contorna das penas flamencas de Cataluña. Gañou, entre outros, o Premio Lámpada Mineira (o máis prezado do mundo flamenco) e participou nos principais festivais de música nacionais e internacionais cantando en importantes auditorios (Odeón de París, Liceo de Barcelona, Teatro Real de Madrid, Carnegie Hall...).

A súa discografía, ata hoxe, está composta por oito discos, ademais de ArteSano. Coplas del querer foi galardoado con varios Premios da Música e obtivo o Disco de Ouro e de Platino.

As entradas, a 35 €, están xa á venda na billeteira do Teatro Principal (aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas), en entradas.novagaliciabanco.es ou no 902 434 443. Ademais, o propio día do concerto poderán mercarse na billeteira do Auditorio de Galicia, aberta dende as 18:00 horas.

Compartir: